EconomíaEconomíaÚltima hora

Presenza galega no X Encontro Europeo da Castaña, en Portugal

Este foro internacional do sector está a desenvolverse dende o 12 de setembro en Trancoso e Penedono

 

Dende o 12 de setembro está tendo lugar en Trancoso e Penedono (Portugal) o X Encontro Europeo da Castaña. Neste foro sectorial e internacional cóntase con presenza galega a través de directivos da Asociación de Produtores e Exportadores de Produtos Agrosilvestres de Galicia (Proagrosilga) e da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Castaña de Galicia, entre eles os seus presidentes.

A produción europea de castaña, as innovacións no sector ou as pragas e enfermidades deste cultivo son algúns dos bloques temáticos analizados neste encontro. O seu programa abríase o 12 de setembro con diversas sesións sobre a situación do castiñeiro nesta zona zona lusa, así como sobre pragas e enfermidades do castiñeiro, entre outras cuestións. Despois realizábanse saídas técnicas.

 

 

Xa neste venres 13 de setembro pola mañá abordábase a situación da produción de castaña en Francia, Italia, Portugal e España (a través dun representante da Rede Estatal do Castiñeiro, cuxa presidenta ostenta Galicia) e ademais había un apartado centrado nas innovacións nas técnicas de produción de castaña, no que se valoraban aspectos como a mobilización ou non do castiñeiro ou as plantacións de alta densidade.

 

 

Finalmente, falarase sobre o secuestro do carbono no castiñeiro e das variedades de castaña para a produción europea. Ademais haberá unha saída técnica a soutos e a unha cooperativa agrícola en Coopenela e presentaranse os pósters. Este encontro está organizado por Eurocastanea Rede Europea da Castaña.

Fotos: Proagrosilga e IXP Castaña de Galicia.

Artigos relacionados

Back to top button