No mediodía deste sábado 4 de marzo celebrábas no Hotel Coia, unha nova edición da Festa do Botelo do Barco en Vigo, á que asistía un total de 180 persoas que degustaban o menú composto por sopa de cocido, empanada de maravallas, botelo e chourizos con grelos e cachelos e, de sobremesa, bica. Todo, regado con viños Mencía da D.O. Valdeorras.
Tal como estaba previsto, entre os asistentes a esta VII Festa en Vigo atopábanse o alcalde de Vigo, Abel Caballero, o secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, o pintor Antón Pulido e o escritor e editor Bieito Ledo. En representación do Concello asistiron o alcalde, Alfredo García, e a concelleira de Cultura, Margarida Pizcueta.

A celebración da Festa do Botelo do Barco en Coruña e Vigo responde ao interese do Concello do Barco de dar a coñecer este singular embutido en todo o territorio galego. Trátase dunha festa de interese turístico galego que cada vez está máis arraigada na comarca de Valdeorras e no resto de Galicia, e que se espera poida contar nun futuro co recoñecemento de Festa de Interese Turístico Nacional.
Tal como aseguran dende o Concello “esta festa é a última das previstas para este ano, con gran éxito de asistencia en todos os casos”.
Fotos cedidas.