ConcellosEn portadaGalerías de fotosÚltima hora

Preto de 400 persoas na IV Festa do Botelo do Barco na Coruña

Entre os asistentes ao xantar, celebrado no restaurante Mirador de San Pedro, estaban os alcaldes do Barco e Carballo

Como xa sucedera nas tres edicións anteriores, o restaurante Mirador de San Pedro acollía no mediodía de hoxe, sábado 11 de febreiro, a IV edición da Festa do Botelo do Barco na Coruña. Un xantar ao que, segundo a organización, asistían máis de 370 persoas para degustar o embutido rei do inverno valdeorrés  que o Concello do Barco de Valdeorras está promocionando dentro e fóra da comarca.

A festa comezaba ás 13h. coa recepción dos comensais e a continuación tiña lugar o xantar coas tradicionais sopa do cocido e empanada de maravallas como entrantes. O prato principal tivo ao botelo como protagonista, acompañado de cachelos, chourizos e repolo. Todo regado con viños brancos de godello das adegas Godeval e D´berna e o tinto da Cooperativa Xesús Nazareno. De postre, bica e a torta de roxóns, ademais do grupo musical, Os Peteras, para amenizar a tarde.

Entre os asistentes ao evento gastronómico na cidade herculina estiveron o alcalde do Barco, Alfredo García; a concelleira de Cultura do Barco, Margarida Pizcueta; o tenente de alcalde da Coruña e concelleiro de Turismo, Alberto Lema; e o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero.

Despois da multitudinaria XVII edición celebrada o día 21 de xaneiro na vila do Barco, esta festa de interese turístico de Galicia dende o ano 2014, continúa a súa promoción fóa de Valdeorras e ademais da comida na Coruña, xa se está preparando a III edición da de Vigo, prevista  para o día 11 de marzo.

 

Artigos relacionados

Back to top button