A Rúa vivirá este domingo 1 de decembro unha intensa xornada de enduro. A I Xtrem de Valdeorras, puntuable para o Trofeo Luso-Galaico Hard Enduro, celebrarase en horario de mañá e de tarde. “Ás 8h. comezarase coa entrega de dorsais e o primeiro piloto sairá en torno ás 10h. O final está previsto para as cinco da tarde coa entrega de premios”, adianta Ramiro Folla de Rúa Motor, un dos organizadores. El mesmo explica que a crono test desenvolverase no entorno da Adega Cooperativa Virxe das Viñas mentres que o circuíto discorrerá por Fontei, Vilela, San Xulián e Somoza. “Os participantes nas categorías pro e expert darán dúas voltas mentres que o resto de endureiros darán unha”, puntualiza Ramiro.
A carreira, con premios para as diferentes categorías (pro, expert, 2t, 4t, parellas e veteranos) celebrarase o domingo, pero o sábado pola noite haberá unha cea para os inscritos e acompañantes nun recinto enfronte da cooperativa, na rúa Campogrande, onde estará tamén o parque pechado.
As inscricións péchanse esta noite, contando ata o momento con 65 participantes entre os que se encontran varios edureiros da comarca: do Motoclub Rúa Motor Valdeorras (Diego Teixeira en 4t, Sindo Marcos en 2t,…) e tamén de Valdecoedo, entre outros.