Moi contentos coa participación (78 alumnos) aínda que esperando que nas seguintes edicións se sigan sumando alumnos, se amosan dende a ANPA IES Martaguisela do Barco de Valdeorras, promotora do Concurso de Memes de Valdeorras que contou coa colaboración de 47 empresas, entre elas Aeva e o CCA O Barco. Dado o elevado número de agasallos donados, todos os rapaces levaron un agasallo por participar.
A entrega de premios tiña lugar na mañá deste venres 8 de abril no patio cuberto do instituto contando coa presenza do presidente do CCA O Barco, Jacobo Arias, da directora do instituto, Carmen Gamarra e de varios membros da ANPA, ademais de varios profesores así como todos os estudantes participantes no concurso.

Este ano o certame estivo adicado a Florencio Delgado Gurriarán, o poeta de Córgomo (Vilamartín de Valdeorras) homenaxeado das Letras Galegas 2022, por iso o acto tamén contaba coa presenza de Anxo Baranga, ex alumno do instituto, veciño de Córgomo, defensos da figura de Florencio e autor da talla de madeira do poeta, que intercambiou impresións co alumnado asegurándolles que “o mundo vai cambiar completamente e para entendelo serán necesarios instrumentos como este instituto. O coñecemento é básico para afrontar a vida, así como a experiencia e as propias vivencias”, dixo, antes de proceder á entrega de premios.

Os gañadores do Primeiro Premio foron: Guilermo San Miguel Losada (1º e 2º ESO); Carlos Mariñas Prada (3º e 4º ESO); e David Cao Núñez (Bacharelato).
O Segundo Premio foi para: Miguel Palmer Díaz (1º e 2º ESO); Marie Martínez Álvarez (3º e 4º ESO); e Óscar Rodríguez Vega (Bacharelato).
E o Terceiro Premio foi para: Mario Prada Rodríguez (1º e 2º ESO); Diego Nogueiras Pérez (3º e 4º ESO); e Irea Prada Alonso (Bacharelato).
Fotos e vídeo: Mónica G. Bellver.