OurenseÚltima hora

Previsel 2023 ofrece en Expourense unha trintena de actividades sobre formación especializada en prevención e seguridade laboral

A formación, os días 22 e 23 de marzo, complétase cun área expositiva que presenta produtos e servizos vencellados coa prevención

Asistentes á pesentación da feira.

 

Formación especializada en prevención e seguridade laboral impartida por expertos na materia. Isto é o que ofrece Previsel 2023 que se celebrará en Expourense os días 22 e 23 de marzo contando coa colaboración de administración, patronal, sindicatos e servizos de intervención e emerxencias que elaboraron un completo programa con 30 actividades que teñen o obxectivo de sensibilizar da necesidade de contar con formación en materia de seguridade e prevención de riscos ou de enfermidades e promocionar boas prácticas que garantan a saúde laboral dos traballadores e traballadoras.

A 16ª edición de Previsel era presentada na mañá deste luns 20 de marzo por representantes das entidades vencelladas coa súa organización. Participaron o delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Gabriel Alén; o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o xefe do Centro ISSGA de Ourense, Ángel López; o secretario xeral de Tesgalicia e a directiva de Tesgalicia, Uxío Figueroa e Beatriz Fernández, respectivamente, e o director xerente de Expourense, Rogelio Martínez.

 

Presentación de Previsel 2023.

 

Tanto os profesionais como o público xeral que asistan a Previsel atoparanse dúas áreas: exposición e xornadas técnicas. En total, esta cita contará cunha trintena de participantes procedentes de Galicia na súa meirande parte, aínda que nesta edición se incorporan como expositores empresas especializadas en seguridade laboral de fóra da nosa comunidade como Symalean ou Tecnovida. Unha vez máis, destaca a presenza en feira de asociacións e federacións sectoriais, sindicatos e servizos de prevención, seguridade e emerxencias.

Previsel 2023 presenta un completo programa de actividades moi especializadas, baseadas na realidade do noso tecido laboral e totalmente accesibles e que contarán coa participación como relatores de 30 expertos.

 

 

Ao clásico triplo eixo de todo plan de prevención (prevención, saúde e seguridade laboral), o programa de actividades de Previsel inclúe ademais outros aspectos vencellados co benestar dos traballadores promovendo medidas encamiñadas á protección e vixiancia da súa saúde como piar fundamental dos dereitos laborais, a evitar o acoso sexual e fomentar a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes ou a previr trastornos músculo-esqueléticos. A prevención e a seguridade nos traballos en altura será un dos temas máis recorrentes e abordados nesta edición con varias actividades teóricas e prácticas.

A asistencia ás actividades é gratuíta e precisa de inscrición previa a través da web www.previsel.com ou no teléfono 988 36 60 30. O horario de apertura do salón será o mércores 22 de marzo de 10 a 14 e de 16 a 19 horas e o xoves 23 de 10 a 14 horas.

Artigos relacionados

Back to top button