“Malia a crise orixinada pola pandemia, a exportación de lousa continúa a bo ritmo e practicamente sitúase a niveis preCovid”. Así o aseguraba o presidente do Clúster da Pizarra de Galicia, Víctor Cobo, durante a visita que o conselleiro do Medio Rural, José González, realizaba á sede do Clúster en Sobradelo (Carballeda de Valdeorras), acompañado da directora xeral de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, para interesarse polo desenvolvemento da actividade extractora e comercializadora da lousa.
Durante a visita, acompañado ademais pola alcaldesa de Carballeda de Valdeorras, Mª Carmen González, o conselleiro destacou que desde o seu departamento trabállase e na “diversificación do rural, tentando que haxa un desenvolvemento conxunto de toda a actividade económica das comarcas galegas”. Neste sentido, destacou que “Valdeorras seguirá crecendo grazas á lousa e queremos axudar a fixar poboación aprochando todos as súas outros grandes recursos: gandeiros, vitivinícolas, forestais e turísticos. “Para nós é realmente importante que a consellería nos brinde o seu apoio para favorecer o desenvolvemento rural que están levando a cabo as empresas produtoras de lousa en tanto en canto axudamos a asentar a poboación”, dixo Cobo

O presidente do Clúster asegurou que entre as áreas de traballo que o sector da lousa ten en común co departamento que dirixe José González están “coordinar a nosa actividade na Lei de Montes ou as balsas de auga que existen en determinadas zonas e ocos de explotación que poden ser útiles na loita contra os incendios”.
Pola súa banda, ao finalizar a reunión Mª carmen quixo destacar que a actividade louseira permite asentar poboación na comarca, nunha contorna rural como Valdeorras. Xunto a isto, sinalou que a lousa produce directamente uns 2.400 empregos e indirectamente preto de 10.000. “O noso compromiso, co respaldo da Xunta de Galicia, é o de seguir avanzando e continuar por esta senda de xeración de progreso económico e social, afianzando o noso posicionamento no ámbito internacional e sendo referentes en canto a calidade de produto”, destacou a rexedora.
De seguido a comitiva encabezada polo conselleiro do Medio Rural visitaba tamén unha nave de lousa.
Fotos: Mónica G. Bellver