SanidadeÚltima hora

Primeiro Paseo pola Saúde promovido por pacientes e profesionais sanitarios de Ourense

Terá lugar o 1 de outubro e será unha xornada de lecer e encontro entre profesionais da saúde e pacientes, para a promoción dos hábitos saudables e celebrar a vida

 

O Consello Asesor de Pacientes da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras, xunto co Servizo de Atención ao Paciente organizan, o sábado día 1 de outubro, o primeiro “Paseo pola Saúde”, unha xornada de lecer e encontro entre profesionais da saúde e pacientes, para a promoción dos hábitos saúdables e celebrar a vida e a saúde comunitaria, coincidindo co Día Internacional das Persoas Maiores, que as Nacións Unidas adican este ano a destacar o papel na sociedade das mulleres e o seu valor.

O punto de partida será diante da ponte vella (Salesianos) con saída ás 10.00 horas. A andaina trascurrirá pola beira do Miño, ata o Tinteiro, nunha versión curta, ou ata o Muiño da Veiga, de 8 Km. ida e volta, cun perfil chairo e sen dificultade. A inscrición é gratuíta, na dirección: atencionpaciente.chou@sergas.es ou chamando ao teléfono 988 388 515

Tanto o remate da marcha curta como no encontro no Tinteiro de ambas, estará amenizado pola banda de música Santádega, ademáis celebraranse obradoiros de prevención, primeiros auxilios e marcha nórdica, grazas a colaboración dos grupos de traballo de saúde comunitaria Salubrízate e Pupas Sustos e Outros Desgustos, e a Asociación de Escaladores Ourensáns-Marcha Nórdica, ademais da Fundación Dorzán, Cruz Vermella, Vía Auria, Asociación Apetéceme ser Amigo da Área Sanitaria de Ourense, Concello de Ourense, e Xacobeo 21-22.

O Paseo nace este ano como unha necesidade de celebrar a vida e reunirse, tras máis de dous anos de pandemia e separación, as veces física e outras emocional, de tensións e preocupación pola saúde, especialmente pola dos enfermos crónicos e as persoas maiores. Por isto, a coincidencia co Día Internaciónal das Persoas Maiores é unha declaración de apoio ao seu valor, resiliencia durante a pandemia e á necesidade de seguir contando coa súa forza e importancia na sociedade, a través do seu aporte cidadán e por medio do envellecemento activo, polo que se aposta desde a saúde comunitaria que define a Atención Primaria.

As Nacións Unidas destacan que en 2020, segundos as estimacións o número de persoas de 60 ou máis anos superou o de nenos menores de 5. Durante o próximas tres décadas, prevese que se duplique o número de persoas maiores en todo o mundo. Este drástico cambio nas sociedades urxe a mudar os esquemas socio-sanitarios e tamén a traballar desde todos os ámbitos por dar vida sos anos, mantendo o nivel de saúde e autonomía, para o que son clave os hábitos saudables: Exercicio, boa alimentación, evitar as prácticas nocivas e, tamén, socializar, participar. VEN!!!
Órgano de participación e consulta

O Consello Asesor de Pacientes de Ourense, Verín e Valdeorras é unha estrutura de participación e asesoramento, que facilita o contacto directo entre pacientes e xestores da sanidade pública de Ourense, para recoller súas percepcións e achegas, cara ao desenvolvemento conxunto de obxectivos asistenciais e de humanización dos servizos sanitarios públicos.

En Ourense o Consello está formado polas seguintes asociacións: de Enfermos/as de Crohn e Colite Ulcerosa de Ourense (Accu Ourense); Asociación Española Contra o Cancro (AECC Ourense); de Familiares de Alzheimer e outras Demencias de Ourense (Afaor); de Fibromialxia, Síndrome de Fatiga Crónica e Sensibilidade Química Múltiple de Ourense (Affou); Galega de Hemofilia (Agadhemo); Galega de Linfedema, Lipedema, Insuficiencia Venosa Crónica e outras Patoloxías Vasculares Periféricas (Agl); para a Loita contra as Enfermidades Renais de Ourense (Alcer Ourense); de Nenas, Nenos e Xente Nova con Diabetes de Galicia (Anedia); Ourensá de Esclerose Múltiple, ELA, Párkinson e outras Enfermidades Neurodexenerativas (Aodem); de Persoas Xordas de Ourense (Apsou); para a Saúde Emocional na Infancia e Adolescencia (Aseia); Asociación Diabética Auria (Auria); de Dano Cerebral Adquirido de Ourense (Renacer); de Persoas con Discapacidade da Comarca de Valdeorras e Asociadas (Disvalia); Asociación Down Ourense (Down Ourense); de Familiares e Enfermos Mentais Morea (AFEM Morea); por Eles Tea Ourense (Petea); e as Federación de Asociacións de Persoas con Discapacidade de Ourense (Discafis-Cogami); Federación Galega de Enfermidades Raras e Crónicas (Fegerec) e a Liga Reumatolóxica Galega (LRG).

Artigos relacionados

Back to top button