CulturaCulturaEspecial Cristo 2016Galerías de fotosMúsicaÚltima hora

“Priscilla”, o musical protagonizado por Christian Escuredo, en versión playmobil

A exposición poderá verse ata outubro no escaparate de Miranda Moda X, no centro do Barco

Coidando ata o mínimo detalle, tanto nos personaxes como na composición e caracterización. Isaac Eceiza, de orixe valdeorresa, recrea en seis esceas con clicks de Famobil (actualmente Playmobil) a historia do exitoso musical “Priscilla. Reina del Desierto” nunha exposición que poderá verse ata primeiros de outubro no escaparate de Miranda Moda X, no Barco. Esta mostra é claramente unha homenaxe a un dos tres protagonistas desta superprodución: o barquense Christian Escuredo, que interpreta a Adam/Felicia. Nela tamén se inclúen diversas imaxes do musical, xunto co seu libreto e cartaces.

Esta exposición coincide ademais coas Festas do Cristo no Barco, que abría como pregoeiro o propio Escuredo. E, como limiar desta mostra, o público presente no acto do pregón podía comprobar como o actor recibía na parte final do acto, como agasallo, unha recreación tamén con clicks do autobús Priscilla, obra de Hugo Eceiza, e dos seus personaxes.

A iniciativa expositiva forma parte do proxecto “Mirarte”, promovido por Miranda Moda X e que pretende achegar ao público doutro xeito á obra de diferentes creadores valdeorreses. Desta volta trátase sen dúbida dunha orixinal proposta que permitirá aos valdeorreses e visitantes reencontrarse co musical “Priscilla” e tamén achegalo a todos aqueles que aínda non tiveran a oportunidade de desfrutalo. De ser así, aínda están a tempo xa que este espectáculo está agora mesmo en plena xira por España, tras dúas tempadas consecutivas en escena no Teatro Novo Alcalá de Madrid.

Texto e fotos: Ángeles Rodríguez.

Artigos relacionados

Back to top button