ConcellosEn portadaGalerías de fotosO BarcoÚltima horaVídeos

Procesión do Silencio co Cristo dos Ferroviarios, no Barco

O párroco do Barco adiantaba que o vindeiro ano organizarase un Viacrucis dos poetas o Mércores Santo

 

Portado por cinco confrades, o Cristo dos Ferroviarios encabezaba a tradicional procesión do Silencio a partir das 21h. desta noite de Mércores Santo no Barco. A comitiva relixiosa saía dende a igrexa de San Mauro para logo continuar polas rúas Eloi Mira, Marcelino Suárez, Estación Renfe, Eloi Rodríguez Barrios e de novo Eloi Mira e San Mauro.

 

 

Como vén sendo habitual, a procesión detíñase ao chegar á estación de tren do Barco, onde o párroco do Barco, Jesús Álvarez, anunciaba que o vindeiro ano “teremos neste día o Viacrucis dos poetas, no que intervirán poetas de Valdeorras e do Bierzo, comarca coa que temos tantos lazos. Pola zona vella do Barco a voz dos poetas porá a súa música feita palabra para glosar os grandes misterios da Semana Santa.

 

 

Seguidamente a poetisa barquense María Carmen Gago Florenti, filla de ferroviario, dirixíase aos asistentes antes de ler o poema “Siempre a ti”. “Permitídeme que as palabras que saian da miña boca sexan as do meu pai, un home que, como tantos outros, foi dos que fixeron posible que esta procesión teña chegado a ser o que é hoxe e que este Cristo da Misericordia se teña convertido no Cristo dos Ferroviarios. Por iso quero rescatar a voz do meu pai, que foi un dos pioneiros”.

 

 

Tras a lectura do poema, o párroco barquense volvía tomar a palabra para rezar un responso “por todos os homes vinculados a Renfe, que traballaron nesta estación e nas naves próximas, que se esforzaron tanto para facer posible que a comunicación entre Madrid e Galicia fose un feito”.

Así mesmo reclamaba unha mellora desas comunicacións actuais por tren, na que tanto Valdeorras como o Bierzo “quedaron relegadas. Valdeorras e O Bierzo tamén existen, son as grandes esquecidas”. Finalmente expresaba “a nosa memoria agradecida a todos os homes do ferrocarril”. Despois, a procesión continuaba o traxecto de regreso á igrexa de San Mauro.

 

 

O programa da Semana Santa no Barco de Valdeorras, continúa mañá Xoves Santo, coa celebración comunitaria da penitencia, ás 11 horas na igrexa de Santa Rita. Xa pola tarde, ás seis celebrarase na igrexa de Santa Rita a Misa na Cea do Señor co lavatorio de pés. E pola noite, trala procesión do Silencio (22 horas) coa imaxe de Xesús Nazareno (saída e regreso á igrexa de San Mauro), celebrarase a Hora Santa na igrexa de Santa Rita, diante do Monumento (23 horas).

Fotos: Carlos G. Hervella.

Vídeos: O SIL.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button