ConcellosÚltima hora

Programación cultural e deportiva en Manzaneda

Da AdeM a Penedos do Lobo, pasando polo Memorial Gabino García no verán 2015
A Banda de Gaitas de Manzaneda no Memorial Gabino García 2014. /Foto: Carlos G. Hervella.
A Banda de Gaitas de Manzaneda no Memorial Gabino García 2014. /Foto: Carlos G. Hervella.

Dende xuño ata setembro. Como cada ano, o Concello de Manzaneda presenta un programa de actividades culturais e deportivas específicas para os meses de verán.

A primeira das propostas, a VI AdeM (Manzaneda) e I Ruta BTT, tiña lugar a mediados de xuño cunha alta participación e xa de cara ao mes de xullo, están previstas as xornadas de voluntariado ambiental (do 12 ao 24) e unha nova edición do Memorial Gabino García ao son das gaitas en Cabeza de Manzaneda (día 26).

Entre o 27 de xullo e o 9 de agosto haberá un compendio de actividades deportivas, multiaventura, lúdico-educativas e culturais no espazo de lecer, e case ao mesmo tempo, no pavillón polideportivo, o XXXVII torneo de fútbol sala “Vila de Manzaneda”.

Con todo será no mes de agosto cando se concentren a maioría das actividades. Teatro o día 6; festas na honra a Nosa Sra. das Neves, do 7 ao 9; festa infantil da escuma, o día 10; andaina nocturna infantil ata o Castiñeiro de Pumbariños, o día 11; e xornadas internacionais de folclore, o día 12.

Tanto en xullo como en agosto permanecerá aberta a aula de Internet, con actividades, así como as piscinas municipais, con cursos de natación. E xa no mes de setembro, os montes de Manzaneda acollerán a 10ª edición da maratón de montaña de Galicia, Penedos do Lobo.

Artigos relacionados

Back to top button