En portadaÚltima hora

Protección Civil de Manzaneda implanta un sistema pioneiro de comunicación en zonas de montaña

É un dos tres grupos de emerxencia españois que dispoñen neste momento del e o primeiro de Galicia
Equipos de comunicación.
Equipos de comunicación.

A complexa orografía das zonas montañosas dificulta as comunicacións telefónicas ou por radio. Para superar esta limitación, en Manzaneda instalábase en agosto un repetidor de radio para servizo de Protección Civil da denominada canle 7 subtono 7, que usan tanto deportistas de montaña como outras persoas que se moven por este entorno. “O motivo de instalar un remisor foi dar cobertura ás moitaas zonas de sombra que no municipio de Manzaneda temos á hora de desenvolver o noso labor e deste xeito ter máis capacidade operativa ao estar respaldados polas comunicacións en todo momento”, sinalan dende Protección Civil de Manzaneda.

A iniciativa de instalar este repetidor partía desta agrupación de voluntarios e contaba co respalado do Concello de Manzaneda, así como coa colaboración de membros do grupo de Radioafeccionados de Trives e co asesoramento de voluntarios REMER (un deles membro da propia Agrupación de Protección Civil de Manzaneda). “Que nós saibamos somos un dos tres grupos de emerxencias a nivel español que teñen implantado este sistema e o primeiro de Galicia. Permite comunicarse en zonas nas que, pola súa orografía, non podería usarse outros sistemas de comunicación tanto de telefonía móvil, como doutros sistemas de comunicación vía radio”, explican dende Protección Civil de Manzaneda.

Dende o Concello de Manzaneda valórase de xeito moi favorable a iniciativa levada a cabo pola súa agrupación civil, destacando ademais o carácter pioneiro deste sistema. “Paréceme algo complementario ao tema que había e a nivel de Concello vainos ben porque incluso o podemos usar co persoal municipal que estea a desenvolver o seu labor na rúa. É dicir, pode ir máis aló do servizo que presta para Protección Civil”, sinala o alcalde, Félix Domínguez.

Ademais, como “é aberto e público, pódeno usar outras agrupacións de Protección Civil para os seus operativos. E se o van usar, agradeceríamos que se nos comunicase previamente por cuestión tácticas e prácticas”, matizan dende Protección Civil de Manzaneda.

Artigos relacionados

Back to top button