A RúaConcellosÚltima hora

Proxecto para crear un polígono agroforestal dunhas 96 hectáreas en Veigas de Cambela (Río)

 

A veciñanza de San Xoán de Río reuníase esta mañá co conselleiro do Medio Rural, José González, que estaba acompañado pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, e polo tenente alcalde de San Xoán de Río, Manuel Fernández. O motivo da reunión era abordar o proxecto do polígono agroforestal de Veigas de Cambela.

O conselleiro explicou que se trata de mobilizar, a través deste instrumento da Lei de recuperación de terras, un total de 96,4 hectáreas, distribuídas en 301 parcelas de 135 propietarios. Puxo en valor, ademais, que o polígono situarase nunha zona cunha forte tradición gandeira e na que existe unha gran demanda de terras para a cría de gando vacún en extensivo, polo que esta ferramenta irá orientada cara a satisfacer estas necesidades, remarcou González.

Nesta liña, o titular de Medio Rural salientou que esta iniciativa sumarase aos 26 polígonos que actualmente se atopan en distintas fases de execución en Galicia e que supoñen a posta en valor de máis de 9.100 hectáreas distribuídas en case 30.000 parcelas propiedade de máis de 8.200 veciños. Subliñou, asemade, que 17 destes polígonos corresponden á provincia de Ourense, sumando máis de 5.200 hectáreas de terreo, ou o que é o mesmo, case o 60% da superficie total mobilizada en Galicia.

Agrupacións de xestión conxunta

A maiores, o conselleiro remarcou, dentro das ferramentas de mobilización de terras, as agrupacións de xestión conxunta, as permutas de especial interese agrario e a existencia de 21 aldeas modelo aprobadas na nosa comunidade. Delas, lembrou, 14 están na provincia de Ourense.

“Todo este traballo”, destacou, “xunto ao labor desenvolvido mediante as concentracións parcelarias decretadas, axilizando a súa tramitación, fixo posible a posta en valor de arredor de 35.000 hectáreas en toda Galicia por iniciativa da Xunta”.

Neste contexto, José González trasladou que o obxectivo que se persegue con estas iniciativas é dinamizar o territorio e xerar actividade económica para que sexa posible vivir no e do rural, así como tamén para anticiparse aos lumes e diminuír os danos que poidan causar.

Artigos relacionados

Back to top button