PolíticaÚltima hora

O PSOE provincial abre un “Foro social polo cambio para salvar Ourense”

Os socialistas van reunirse con diferentes entidades sociais, empresariais e culturais para “aunar ás forzas políticas progresistas”
Francisco Fraga, Rafael Rodríguez Villarino e José Ángel Vázquez Barquero.

O Partido Socialista de Ourense presentou hoxe, 31 de xaneiro, o seu “Foro social polo cambio”. Unha iniciativa que arranca baixo o título “Salvar Ourense” porque “é unha necesidade”, dixo o Secretario Provincial, Rafael Rodríguez Villarino, acompañado polos voceiros dos grupos Provincial e municipal do Concello de Ourense, Francisco Fraga e José Ángel Vázquez Barquero, respectivamente.

Villarino explicou que este foro vai “aunar” ás forzas políticas progresistas, entidades sociais, empresariais e culturais “coa fin de solicitar fondos públicos” para sacar a Ourense dese “buraco negro sen futuro” e dese “estado terminal”, dixo Rafael Rodríguez Villarino. Nese senso, o Secretario Provincial describiu á provincia do seguinte xeito: “Non somos unha provincia de interior; somos unha provincia inferior”. E botoulle á culpa “aos 31 anos de goberno do Partido Popular de inactividade e caciquismo”.

“Ou facemos algo de inmediato ou botamos o pano e dicimos que neste buraco estaba Ourense”. Así de contundente foi Rodríguez Villarino, que apoiou as súas verbas botando dos datos: “Perdemos unha media de nove habitantes por día, nunha provincia na que temos 24 dos 30 concellos galegos de menos de 1.000 habitantes”. Segundo as previsións, informou, para o ano 2030 “estaremos preto dos 175.000 habitantes”.

En canto a esas carencias das que falou na provincia, Rafael Rodríguez Villarino, mencionou o transporte metropolitano ou a A-76. “É inconcibible que non teñamos aínda esa autovía”, dixo.

De xeito similar falou o portavoz socialista na Deputación, Francisco Fraga, que dixo que os datos reflicten unha realidade “desoladora”. Sen saíres da perda de poboación, o voceiro recalcou que “cada vez somos máis e máis vellos”. No que atinxe ao seu papel como deputado provincial, o socialista reiterou que os concellos “vense incapaces” de tentar mudar, “porque carecen de recursos para seres axentes activos neste cambio da provincia”. Neste punto reiterou que “é onde se nota unha deputación que serva para algo”.

Xa finalmente, o voceiro do Grupo Municipal Socialista, José Ángel Vázquez Barquero, recalcou que “non só o rural perde poboación”, senón que tamén a área urbana de Ourense, “aínda que de forma atenuada”, dixo. Barquero atribúe este suceso “á falta de políticas activas por parte do PP”, e asegurou que cando eles gobernaban a cidade “investíanse tres millóns de euros en políticas activas de emprego”.

Por este motivo, o PSdeG-PSOE vaise poñer en contacto “dende hoxe” con “todas as estancias ás que me referín” e tamén, dixo Villarino, estarán “receptivos” a todas aquelas que estean dispostas a colaborar, “incluíndo Democracia Ourensana”, dixo Rodríguez Villarino.

Polo momento non hai un calendario fixo para este “Foro social polo cambio”. “Irémonos reunindo pouco a pouco con diferentes axentes sociais de distintos puntos da provincia”, recalcou Villarino.

Texto: Carlos Asensio.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button