En portadaGalerías de fotosÚltima hora

Quereño reunía a unhas 300 persoas no seu III Viñotapeo

Os participantes desfrutaban dun animado percorrido gastronómico por sete barrios desta localidade de Rubiá

De viños e diversos pinchos vestíanse as rúas de Quereño a partires das sete da tarde do 3 de xuño. Os veciños desta localidade do municipio valdeorrés de Rubiá volcábanse para recibir aos participantes na terceira edición do Viñotapeo. Este iniciativa conxugaba a festa con degustacións de viños (branco e tinto), diversos refrescos e pinchos ao longo de de nove adegas, repartidas por sete barrios do pobo.

O roteiro principiaba á entrada de Quereño, onde podía adquirirse a entrada (por 8 euros). Con ela entregábase unha cunca para o viño e un pano de cor laranxa. A partir de aí, comezaba o traxecto polas adegas.En cada unha delas podía ademais saborearse deliciosos pinchos caseiros quentes e fríos, diferentes en cada unha delas. Había dende ensaladilla, ata carne de costela con pataca, xabarín con fabas e patacas, embutido, chourizos cocidos, croquetas, dous tipos de empanada, bocadiños de lomo con queixo e mesmo sopas de allo.

O traxecto, que realizaban unhas 300 persoas nesta edición, concluía na zona da pista polideportiva, onde podían tomarse diversas sobremesas, entre elas bica. Ao redor das once pechábanse as adegas, pero a festa continuaba na pista polideportiva, onde se instalaba ademais unha pantalla xigante para seguir a final da Champions, e tampouco faltaba a música.

Dende a organización deste Viñotapeo, en mans da comisión de festas do pobo, facíase un balance positivo desta terceira edición, destacando o bo ambiente. Asemade agradecíase a colaboración dos veciños “que se implican moitísimo, sen eles sería imposible facelo”, e de Talleres Dupont. Tamén se expresaba o agradecemento ás numerosas persoas que se sumaron a esta cita, boa parte delas de Valdeorras, pero tamén da comarca do Bierzo.

Fotos: Carlos G. Hervella.
Máis información na edición en papel do Periódico O Sil.

Artigos relacionados

Back to top button