ConcellosQuirogaÚltima horaVídeos

Quiroga congrega a 500 gaiteiros e 13 bandas na apertura da Feira do Viño

 

O son das gaitas envolvía a vila de Quiroga rozando o mediodía deste Sábado Santo. Un desfile de bandas percorría a rúa Real na apertura do Certame Celtibérico de Bandas da Gaitas, un dos actos incluídos na XL Feira do Viño de Quiroga, instalada precisamente nesa rúa. O encontro reunía a uns 500 gaiteiros e a 13 bandas de diferentes partes de Galicia, así como de León e Portugal.

 

 

Os primeiros en actuar, tras o acto oficial de inauguración da mostra vitivinícola, eran os integrantes da Escola de Gaitas de Quiroga, dando así inicio as actuacións do cuarto grao do certame. “Para os que vivimos da cultura da gaita hoxe é un día importante en Quiroga, nun evento tan importante como a Feira do Viño non podía faltar a cultura da gaita. Demos comezo con ese izado de bandeira deste acto”, dicía Xosé Luis Foxo, xunto a autoridades como o alcalde de Quiroga ou o conselleiro do Medio Rural, entre outras.

Deseguido o alcalde quirogués, Julio Álvarez, destacaba que Foxo non “é catedrático da etnografía musical de Galicia, grazas a el estamos neste momento participando e desfrutando dalgo moi singular, 13 bandas de gaitas non se ven todos os días. Grazas a Xosé Luis Foxo, á Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense e a todas as bandas que nos acompañades”. Despois, tomaba a palabra o conselleiro de Medio Rural quen incidía na calidade dos viños da Ribeira Sacra e  logo abríase o certame coa Escola de Gaitas de Quiroga que, iniciaba as actuacións do cuarto grao. Seguidamente viña a música da Banda de Gaitas do Bolo, da do Concello de Baltar e de Riós, así como a da Ínsua de Caldelas de Tui.

 

 

Xa no terceiro grao o programa incluía as actuacións da Escola de Gaitas de Foles de São Tiago de Cardielos (Portugal), así como as do Concello de Vilariño de Conso, Devalar de C. de Amoeiro & Os Trintas de Trives e Abelladeira de Ponferrada, que acodía como banda convidada.

Logo, no segundo grao interviñan Ladies Banda, a Municipal de Chantada e a do Concello de Monforte de Lemos. Finalmente, no primeiro grao estaban as bandas Agarimo de Catabois (A Coruña) e Real Xuvenil de Ourense.

Esta edición do certame estará adicada a Alfonso Muíño, un dos investigadores máis importantes no coñecemento da gaita, centrándose no estudo das palletas. Con esta homenaxe, en palabras de Xosé Lois Foxo, preténdese que “siga sendo un referente na cultura da gaita e tamén que Quiroga teña un espazo para a música tradicional”.

Neste evento cultural participaban bandas de gaitas nos catro graos e contábase cun equipo de xuíces profesionais que facían informes de cada banda.

 

 

 

O programa do certame incluía tamén a actuación especial de Diego Lobo, gaiteiro maior da Banda el Gumial de Asturias, a entrega dunha medalla honorífica ao decano dos xuíces do Certame, Dionisio Aboal, así como a entrega do testigo de organizador ao alcalde do Concello de Aller (Asturias). A clausura do certame chegaba coa interpretación conxunta do himno do antigo Reino de Galicia polas bandas participantes.

Fotos: Carlos G. Hervella/ A.R.

 

Artigos relacionados

Back to top button