ConcellosQuirogaÚltima hora

Quiroga crea unha ruta para desfrutar das súas fervenzas

Fervenza do Fócaro en Quiroga./ Foto: loispradaf.

 

O Concello de Quiroga pon en marcha a denominada ruta da Fervenzas, coa axuda para investimentos non produtivos vinculados á realización de obxectivos agroambientais e climáticos na Rede Natura 2000, para os anos 2022 e 2023, da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. O investimento total é de 23.859,52 €. repartidos en dúas anualidades.

A actuación que se pretende levar a cabo é a integración de cinco cascadas na ruta de Quiroga a Vieiros (un percorrido de aproximadamente uns 25 kms), na que se poderán visitar cinco fervenzas: as fervenzas do Pombar e a Pedriña na Cruz de Outeiro, as fervenzas do Fócaro e das Gurbias na Seara e a fervenza de Vieiros. Aínda que tradicionalmente todos estes puntos xa se visitaban, preténdese facilitar a súa visita mediante a divulgación, unificación da sinalización e mellora dos accesos.

As actuacións previstas en cada unha das fervenzas:

*Fervenza do Pombar: sinalización dende a estrada, limpeza dos accesos, acondicionamento mediante escadas de madeira tratada de dous resaltes rochosos do terreo e acondicionamento do sendeiro coa recolocación de bloques de rocha soltos no treito anterior á fervenza.

*Fervenza da Pedriña: sinalización dende a estrada (Cruz de Outeiro-Vilarbacú), limpeza do acceso e limpeza do contorno da fervenza.

*Fervenza do Fócaro: sinalización dende a estrada no lugar da Seara.

*Fervenza das Gurbias: sinalización na aldea da Seara e colocación de varanda de madeira tratada no miradoiro na aldea da Seara, dende onde se observa a fervenza.

 

Fervenza de Vieiros./ Foto: loispradaf.

 

*Fervenza de Vieiros: sinalización do aparcadoiro, sinalización da ruta que permite a súa visita dende a estrada da Seara-Ferramulín, colocación de panel con recomendacións para a visita no aparcadoiro, reforzo da varanda de madeira tratada na ruta e limpeza de todo o percorrido.

Unha vez acondicionados e sinalizados os percorridos, difundirase a ruta na web do concello e en varias plataformas de internet, para poder coñecer os detalles do acceso a cada un dos puntos, descargar a ruta para gps e mesmo seguir a ruta nun teléfono móbil.

Artigos relacionados

Back to top button