Cun conxunto de actividades, que se denvolverán os días 3 e 4 de abril, Quiroga lembrará as datas nas que, antes da chegada da pandemia, se viña celebrando a Feira do Viño de Quiroga. “Unhas datas que este ano non poderá celebrarse en Semana Santa. Se as condicións sanitarias o permiten a XXXIX Feira do Viño de Quiroga será o 24 e o 25 de xullo”, indican dende o Concello de Quiroga.
Aínda así, “nestes días de lembranza non faltarán actividades que recorden a festa máis importante dos quirogueses”, matizan dende o Concello. Deste xeito poderán visitarse dúas exposicións. A primeira delas será unha homenaxe aos adegueiros que pasaron polas feiras do viño de Quiroga. Baixo o nome de “40 anos da Feira do Viño de Quiroga” abrirase ao público unha importante colección de botellas, sobre medio milleiro, dos caldos que acudiron a estes certames. Tamén acompañarán as botellas, que estarán expostas no Auditorio Municipal, os carteis anunciadores das Feiras do Viño.
A outra exposición que se poderá ver, nesta ocasión na sala de exposicións da Casa da Cultura, é “O fin do Camiño”. Dez grandes paneis que reflicten a visión humana e monumental dos camiños a Compostela.
Ademais, o sábado día 3 de abril, o grupo de gaitas local O Recanto fará unha alborada ás doce e media do mediodía e pola tarde, a partir das seis, a charanga BB+ recorrerá as rúas da vila.
O domingo, día 4, a unha da tarde farase entrega dos premios do concurso de debuxo infantil “Feira do Viño”. Nesta xornada tampouco faltará a música. A unha e media da banda de Música Val Miñor dará un concerto diante do concello, previamente fará unha alborada, E a partir das seis da tarde, o grupo Troula Animación, presenta o seu espectáculo de animación de rúa, “O estraño caso do dentista da rúa Brasov”.