José Ramón Vidal Romaní, director do Instituto Universitario de Xeoloxía da Coruña e Aurora Grandal D’Anglade, profesora de paleontoloxía da Universidade da Coruña achegabánse na mañá do 5 de decembro ata o Museo Xeolóxico de Quiroga para coñecer o proxecto de ampliación desta edificación. Os dous profesores, implicados dende o primeiro momento con estas instalacións museísticas, apoiaron esta ampliación e aproveitaron a reunión co alcalde, Julio Alvarez, e co director do Museo, Ramón Vila, para aportar ideas e propostas de cómo cubrir os novos espazos.
O proxecto de ampliación xa está orzamentado en 71.000 euros, cantidade que será sufragada en gran parte polos fondos Leader que manexa o GDR Ribeira Sacra-Courel. Unha parte da obra estará acometida polos traballadores do obradoiro SilLor.
Esta intervención no museo local de Xeoloxía e Paleontoloxía permitirá exhibir unha ampla serie de pezas que agora non poden mostrarse ao público por falta de espazo. As obras permitirán a ampliación do museo polos dous laterais e tamén pola parte traseira, polo que todas as súas salas terán maior amplitude. Ademais crearase unha nova sala que servirá para proxeccións audiovisuais.

A estrutura do museo
A primeira das cinco salas do museo está dedicada a formación do territorio de Galicia, coa análise do pregamento de Campodola-Leixazós. O contido desta tamén conta cunha colección de minerais e rochas procedentes da bisbarra, que pretende ampliarse. A segunda sala céntrase na historia paleontolóxica. Aquí amósanse diferentes fósiles animais todos eles poboadores desta serra, entre os que destacan o esquelete completo dun oso das cavernas. O proxecto de ampliación contempla que acolla a colección de fósiles recollida en diferentes puntos da comarca polo biólogo Manuel García Ávila e cedida ao concello.
Unha terceira estancia está dedicada á idade dos xeos, representada por cantos de depósitos glaciares recollidos na zona da Lucenza, que se ampliará coa estalagmita da Cova de Arcoia, que permitiu estudar a secuencia climática. A cuarta das salas aborda as primeiras ocupacións humanas da zona. Nesta sala pódense ver dez cranios dos primeiros humanos e ferramentas líticas do Paleolítico e do Neolítico, atopadas na zona da Hermida e na que se contempla albergar a reconstrución da muller prehistórica coñecida como Elba (a pastora do Courel), cuxos restos foron descubertos hai anos nunha cova da serra do Courel.
Finalmente a última sala, na que se expoñen bloques de distintos minerais collidos na zona representa a parte da nosa minería, tamén se ampliará.