ConcellosQuirogaÚltima hora

Quiroga rende homenaxe aos peregrinos do Camiño de Inverno cunha escultura

Ademais colocáronse placas de cerámica en diversos puntos do municipio que serven de recoñecemento público a cinco veciños da vila quiroguesa

 

Dende a pasada fin de semana a escultura dun peregrino loce na vila quiroguesa. Trátase dunha escultura realizada pola Escola de Arte de Salamanca que en colaboración coa asociación local Quiroga en Marcha participou no proxecto “Aula Empresa” da Junta de Castilla y León. A escultura realizada en aceiro corten colocouse nas inmediacións do albergue municipal.

Para a súa colocación desprazáronse ata Quiroga dez alumnos e dous profesores das modalidades de forxa e cerámica, encargados da realización deste proxecto que conta ademais con outra parte que consiste en seis placas conmemorativas, tal e como informa o Concello de Quiroga.

 

Imaxe da escultura que homenaxea aos peregrinos en Quiroga./ Foto: Concello de Quiroga.

 

As placas de cerámica que serven de recoñecemento público a cinco veciños da vila quiroguesa colocáronse nas casas nas que viviron. Manuela Quiroga Novo ‘Nelita’, farmacéutica; José Tejelo Vázquez, o mestre de moitas xeracións da vila; Vicente Gallego “O Francés”, un dos impulsores da D.O. Ribeira Sacra; Xosé Antón Rodríguez “Xoán Rolo”, cronista do municipio; e Gabriela González Novo, a primeira muller empresaria de Quiroga.

Unha placa colocouse en Albaredos, inicio do Camiño de Inverno no noso municipio, tamén como homenaxe ao viño e ao aceite, e ao traballo dunha adega desta zona que une Galicia con América, segundo destacan dende a asociación Quiroga en Marcha.

Neste proxecto, no que a Escola de Arte de Salamanca traballou todo o curso, a asociación tamén contou coa colaboración do Concello de Quiroga que se encargou da base na que se asenta a imaxe do peregrino.

Artigos relacionados

Back to top button