EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

Quiroga reunirá todos os viños das 38 edicións da súa feira nunha exposición

A mostra poderá verse na vindeira Semana Santa e complementarase cos carteis anunciadores de cada unha das feiras celebradas

 

De cada viño que acudiu a unha das edicións da Feira do Viño de Quiroga hai unha mostra gardada nas instalacións do Museo Etnográfico. En conxunto son máis de medio milleiro de botellas de todos os colleiteiros e de todas as edicións da mostra, que foron gardadas polo Concello de Quiroga. Esta representación do viño quirogués poderase ver na vindeira Semana Santa nunha exposición que se complementará ademais cos carteis anunciadores de cada unha das edicións celebradas, 38 en total.

“Pouca xente sabía”, indica o alcalde de Quiroga, Julio Álvarez, “da existencia desta colección de botellas que agora se mostrarán como homenaxe a todos os colleiteiros de viño artesanal do municipio. A nova edición que se celebre da feira do viño marcará un antes e un despois neste evento festivo, posto que como xa se decidiu o pasado ano, a partir de agora estará aberta non só a pequenos viticultores se non tamén ás adegas industriais da sub zona Quiroga-Bibei, na que estamos englobados. Por primeira vez xuntaranse na Feira do Viño de Quiroga, os caldos elaborados de maneira tradicional cos elaborados de forma industrial”.

Precisamente por esta decisión, a deste ano será unha homenaxe a todos os adegueiros artesanais que pasaron por esta feira ao longo das súas 38 edicións, que neste 2021 se converterán en 39. A exposición cos carteis e as botellas destes certames, xunto coa publicación dunha revista conmemorativa, serán algunhas das actividades que se levarán a cabo durante a Semana Santa. Tamén se contará coa colaboración dos máis pequenos a través dos seus debuxos coa convocatoria dun concurso infantil de debuxo sobre a feira.

Esta serán algunhas das iniciativas que os organizadores da feira levarán a cabo nas datas nas que se tería que celebrar unha nova edición (3 e 4 de abril) pero que unha vez máis as condicións sanitarias modificarán. Non obstante, por se se puidese levar a cabo os organizadores teñen o 24 e 25 de xullo como data escollida para celebrar a Feira do Viño de Quiroga.

Artigos relacionados

Back to top button