OurenseÚltima hora

Rafael Rodríguez Villarino gaña as primarias socialistas con 663 votos

O candidato obtivo o 64,3% do apoio da militancia fronte ao 34,17% de Noela Blanco
Rafael Rodríguez Villarino. // Foto: Carlos Asensio.

Victoria de Rafael Rodríguez Villarino nas primarias a Secretario Provincial do PSdeG-PSOE ourensán. O candidato, e alcalde de Amoeiro, acadou un apoio de 663 votos, é dicir, un 64,37% do total. Pola súa banda, Noela Blanco obtivo un resultado de 352 votos (34,17%).

O presidente da xestora, Miguel Bautista, foi o encargado de dar os resultados cara ás nove da noite de hoxe, 30 de decembro. Foron un total de 1030 votos emitidos dun censo de 1540 militantes, é dicir, un 66,88% de participación. Dese total, foron 14 en branco e un voto nulo. “Nunha data coma hoxe, que non era moi boa, creo que é unha participación bastante elevada”, dixo o presidente.

O presidente da xestora, Miguel Bautista, deu a coñecer os resultados. // Foto: Carlos Asensio.

En canto aos resultados por concellos, na cidade, con 599 censados e un total de 375 votos emitidos, venceu Rafael Rodríguez Villarino, con 268 votos, fronte aos 101 que acadou Noela Blanco. Na comarca de Ourense tamén se alzou gañador Villarino, con 58 votos. Blanco obtivo 15. Por outra banda, en Barbadas -47 censados- fron emitidos un total de 28 votos que se distribúen en 17 para Rafael Rodríguez Villarino e 11 para Noela Blanco.

Tanto en Xinzo como en Verín Rodríguez Villarino tamén foi o vencedor. En Xinzo obtivo un resultado de 45 votos dun total de 53 emitidos e en Verín o mesmo resultado dun total de 47.

O alcalde de Amoeiro tamén conseguiu recadar os votos do Carballiño, un dos lugares clave destas primarias xa que na primeira volta a meirande parte dos votos deste concello foron para Pachi Vázquez. Así, Villarino conseguiu un apoio de 93 votos, fronte aos 30 da deputada socialista.

Cousa distinta foi na capital do Ribeiro, en Ribadavia, xa que neste concello a gañadora foi Noela Blanco, con 54 votos, fronte aos 7 votos que acadou o seu compañeiro. Hai que lembrar que o alcalde desta localidade, o socialista Ignacio Gómez, decantou o seu apoio por Noela Blanco durante todo o proceso.

Tras coñecer os resultados, Rafael Rodríguez Villarino comezou o seu discurso, na sede provincial na rúa Ribeira de Canedo; en Ourense, felicitando á súa compañeira: “ela representa unha parte do partido, como tamén a representa Pachi Vázquez”. O discurso do socialista foi en clave de unión: “todos representamos un mesmo partido cun obxectivo, que é sacar a esta provincia da situación sen saída na que se atopa”. O electo Secretario Provincial animou á militancia “a remar todos na mesma dirección” para eliminar, reiterou, “o clientelismo e o caciquismo” que remarcou que “xa non se levan”.

En canto ao partido, asegurou que “agora temos un partido cohesionado, onde tanto a cidade como a provincia non están fracturadas” e apostou polo o seu lema de “somos unha candidatura de integración”. Así, dixo que “vamos a comezar a traballar a partir de xa”.

Noela Blanco. // Foto: Carlos Asensio.

O Secretario Provincial asegurou que tanto Pachi Vázquez como Noela Blanco poderán ostentar un cargo dentro do seu equipo. Pola súa banda, Noela Blanco foi máis tallante ao afirmares que “o que vimos a ver hoxe é que non se pasa páxina e que o resultado amosa claramente que nesta provincia hai quen segue manexando os fíos do que ocorre no PSdeG”. Neste senso a deputada dixo o seguinte: “quero dar os parabéns ao gran gañador destas primarias, que é Pachi Vázquez”. Seguido disto, deulle os parabéns ao seu contrincante, Rafael Rodríguez Villarino. Unhas declaracións que levantaron rebumbio entre os presentes na sede provincial.

En resposta, Rodríguez Villarino remarcou que Noela Blanco “ten que asimilar a derrota” e reiterou que “isto lles sucede aos que non se integran” pero apuntou que “acabará por superalo, sen dúbida algunha”.

Texto: Carlos Asensio.

Artigos relacionados

Back to top button