EconomíaEconomíaÚltima hora

“Rapa” e “Argonautas”, producidas polo petinés Alfonso Blanco, no fondo de rodaxes do Hub Audiovisual da Xunta

 

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, adiantou hoxe que as catro primeiras producións subvencionadas pola Xunta a través do fondo para a atracción rodaxes do seu Hub Audiovisual da Industria Cultural están a xerar un impacto económico total (directo máis indirecto) en Galicia de máis de 15 millóns de euros. Trátase da primeira estimación que arroxa un estudio encargado á Universidade de Santiago de Compostela para cuantificar o retorno da filmación na nosa Comunidade da longametraxe 13 Exorcismos, de Bambú Producciones, e das series Rapa e Argonautas, de Portocabo, e Hasta el cielo, de Vaca Films, que vén confirmar o efecto multiplicador do investimento público na industria audiovisual galega, que neste caso se situou en 1,3 millóns de euros.

Esta última é a contía resultante da suma das subvencións adxudicadas a estes catro proxectos ao abeiro da que foi a primeira iniciativa do Hub Audiovisual, posta en marcha en setembro de 2021 e que, tal e como anunciou o conselleiro, ten continuidade este mesmo ano cunha segunda convocatoria dotada con 2 millóns de euros, que será publicada mañá mesmo no Diario Oficial de Galicia.

A capacidade de emprego das catro rodaxes, que se sitúa nas 230 contratacións en termos equivalentes anuais, é outro dos datos destacados deste primeiro balance, que Román Rodríguez avanzou na rolda de prensa que tivo lugar este mediodía na Cidade da Cultura de Galicia. Nela interviñeron tamén o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, e os directores executivos de Vaca, Emma Lustres, e Portocabo, Alfonso Blanco. Asistiron, así mesmo, María Bastida e Miguel Vázquez Taín, profesores da Facultade de Económicas da Universidade de Santiago e integrantes do grupo de investigación encargado do estudo.

Este traballo é froito da colaboración entre dous equipos da propia USC: o Grupo de análise e modelización económica (GAME) e o de persoas, organizacións sostibles e márketing (POSMARK), baixo dirección de Melchor Fernández e Jesús Pereira.

En referencia ás primeiras cifras que arroxa o estudo, o conselleiro sinalou que, “por por riba dos números concretos, reflicten en termos moi positivos o potencial competitivo, de crecemento e de xeración de emprego do audiovisual galego, así como o seu efecto tractor sobre o resto dos subsectores da nosa industria cultural e creativa”.

Neste mesmo sentido, puxo as catro produtoras adxudicatarias do fondo de rodaxes como exemplo do alto nivel do sector, tanto a nivel creativo como de capacidade de captación de recursos e alianzas estratéxicas para os seus proxectos. É o caso de 13 Exorcismos con Atresmedia, Hasta el cielo con Netflix, Argonautas con TVE e Rapa con Movistar +. Esta última chegará ás nosas pantallas en maio tras a súa rodaxe a finais de 2021 na serra da Capelada e noutras localizacións de Ferrolterra, mentres que 13 Exorcismos e Hasta el cielo atópanse en pleno proceso de filmación. Pola súa banda, a serie infantil Argonautas gravarase este mesmo verán despois de ter realizado un amplo casting en varios centros escolares da Coruña e a súa área.

A súa condición de proxectos subvencionados implicaba xa un compromiso de gasto directo na nosa Comunidade, que nos catro casos arroxa contías máis elevadas ao engadirlle a previsión do impacto indirecto. Así, segundo as primeiras estimacións do estudo, o retorno total de Rapa supera os 5,6 millóns de euros a partir dunha subvención de 300.000 euros, mesma contía adxudicada a Hasta el cielo, cun retorno total de máis de 4,7 millóns. Pola súa banda, as axudas concedidas a Argonautas e 13 Exorcismos sitúanse nos 350.000 euros en cada caso, cun impacto superior aos 2,6 e 2,3 millóns de euros, respectivamente.

Coprodutoras e provedoras de servizos

Na orde que publicará mañá o DOG, esta liña do Hub para o fomento e promoción de rodaxes mantén os mesmos requisitos que na súa convocatoria anterior. De concesión automática en concorrencia non competitiva, poden ser beneficiarias empresas galegas co obxectivo de realizar proxectos xunto con produtoras, canles de televisión e plataformas de fóra de Galicia. As subvencionadas poderán exercer ben como coprodutoras destes traballos, cunha participación igual ou superior ao 20%, ben como provedoras de servizos de produción, sempre acreditando a realización dun gasto mínimo en Galicia fixado en 1 millón de euros para longas cinematográficas de ficción e animación e de 1,5 millóns de euros para as series de ficción.

A intensidade da axuda vai ligada precisamente ao investimento realizado na nosa Comunidade, podendo chegar ao 20% deste gasto, cunha contía máxima de 350.000 euros, para as beneficiarias que sexan coprodutoras dos proxectos, e ao 10% e 300.000 euros no caso da contratación de servizos audiovisuais. Esta fórmula de apoio supón, ademais, unha importante novidade no panorama audiovisual español ao optar pola concesión directa para a realización de rodaxes no canto de empregar incentivos fiscais.

Artigos relacionados

Back to top button