En portadaÚltima hora

O valdeorrés Alfonso Blanco, novo presidente do Clúster Audiovisual Galego

Considera que "estamos no mellor momento histórico do sector en Galicia”

Alfonso Blanco | Autoría: Jaime Olmedo/Movistar +

 

O director xeral de Portocabo, o valdeorrés Alfonso Blanco, vén de converterse no novo presidente do Clúster Audiovisual Galego, tras ser apoiado de maneira unánime polos socios na asemblea xeral extraordinaria da entidade, celebrada este martes. Na xuntanza tamén se ratificaba ao resto de integrantes da nova Xunta Directiva para os vindeiros tres anos.

Neste novo período, o presidente Alfonso Blanco (Portocabo) estará acompañado polo vicepresidente Gaspar Broullón (Ollovivo Producións), o tesoureiro Manolo López Cernadas (TEX45 Producións) e os vogais Fernanda Tabarés (Voz Audiovisual), Borja Pena (Vaca Films), Luisa Romeo (Frida Films) e Óscar González (Instituto Tecnolóxico de Galicia). A secretaria-xerente seguirá sendo Mar Varela.

Blanco aproveitaba para agradecer ao seu antecesor, Jorge Algora, estes seis anos de “traballo excepcional”, de maneira destacada ampliando a masa de socios do clúster e converténdose nunha “entidade plural”. Ademais o petinés agradecía a confianza depositada polos socios nel e no resto de compañeiros da xunta directiva, que arranca o mandato con gañas e ilusión. Asume o cargo con vontade continuista e avoga por seguir traballando para “que o Clúster sexa o máis representativo posible de todo o sector e sumar a novos asociados”.

Para Alfonso Blanco “estamos no mellor momento histórico do sector en Galicia” e o estado maduro no que se encontra este fai que as liñas de actuación do Clúster para os próximos anos deban ir dirixidas cara a consecución dunha Film Commission de ámbito autonómico ao lado do goberno galego, a obtención de fondos europeos de carácter industrial para o sector, a apertura e aproveitamento das novas infraestruturas de rodaxe na Cidade das TIC, ou avances nas accións de internacionalización.

Tamén apuntou como liñas estratéxicas da entidade os ámbitos formativos e de innovación, nos que se espera desenvolver proxectos tractores en ambos campos que sexan útiles e de interese para as empresas e os profesionais do sector.

Alfonso Blanco toma así o relevo á fronte do Clúster do director e produtor Jorge Algora, quen dirixiu a entidade desde o ano 2017. Nestes últimos anos incrementouse de maneira notable o número de socios da entidade, potenciáronse accións estratéxicas no ámbito da internacionalización, innovación e dinamización do sector, promovéronse novos proxectos de especial relevancia para o futuro do audiovisual galego, e creouse unha rede nacional de clústeres audiovisuais co obxectivo de conectar intereses territoriais comúns e mellorar a industria audiovisual.

 

Alfonso Blanco con membros da xunta directiva do Clúster Audiovisual Galego./ Cedida.

 

Biografía de Alfonso Blanco

Considerado como un dos showrunners máis importantes do noso país, Alfonso Blanco, nacido en Freixido de Abaixo (Petín), é o CEO e Produtor Executivo de Portocabo. Nos máis de 10 anos de traxectoria de Portocabo, conseguiu posicionar á compañía nos principais mercados europeos de coprodución e establecer unha extensa rede de alianzas para producir ficción para o mercado global.

Con Portocabo, Alfonso Blanco coproduciu con países como Italia, Francia ou Portugal e produciu ficción para Disney Italia, RAI, RTP, TV3, TVG, RTVE, Movistar Plus+, ARTE France, Paramount+ ou Atresmedia. Algunhas das últimas series que produciu con Portocabo son: as dúas temporadas de “Hierro” (Movistar Plus+ e ARTE France); as dúas temporadas de “Rapa” (Movistar Plus+); as dúas temporadas de “Auga seca” (RTP e TVG); “Honor” (Atresmedia); “Los Enviados” (Paramount+), “Los Argonautas” (RTVE); “Vidago Palace” (RTP e TVG); ou as películas “Cuñados” e “+Cuñados”. Recentemente converteuse no primeiro membro galego da International Academy of Television Arts & Sciences e foi seleccionado como un dos 50 líderes máis influentes da ficción iberoamericana.

Composición da nova xunta directiva do Clúster Audiovisual Galego:

Presidente: Alfonso Blanco (Portocabo)
Vicepresidente: Gaspar Broullón (Ollovivo Producións)
Tesoureiro: Manolo López Cernadas (TEX45 Producións)
Secretaria – Xerente: Mar Varela

Vogais:
Fernanda Tabarés (Voz Audiovisual)
Borja Pena (Vaca Films)
Luisa Romeo (Frida Films)
Óscar González (Instituto Tecnolóxico de Galicia)

Artigos relacionados

Back to top button