
Centos de profesionais reuníanse na noite do sábado 11 de marzo no Auditorio Municipal de Ourense para celebrar a gran noite do audiovisual galego. Unha nova edición dos Premios Mestre Mateo que destacou pola proxección nacional e internacional das obras candidatas.
A serie ‘Rapa’, producida por Movistar Plus+ en colaboración con Portocabo do valdeorrés Alfonso Blanco foi a segunda gran triunfadora da noite, só por detrás de ‘O Corpo Aberto’, levándose o galardón de mellor serie e reunindo un total de 4 estatuíñas, entre as que se atopan a de mellor interpretación feminina (Lucía Veiga), mellor interpretación feminina de reparto (Berta Ojea) e mellor montaxe (Jorge Coira, Gaspar Broullón, Óscar Pardo e Lucía Iglesias).
Alfonso Blanco “Fosco”, o produtor executivo da serie, subiu a recibir o premio de mellor serie e recordou no seu discurso á xente de Ferrolterra e especialmente aos besteiros da Capelada. O valdeorrés agradeceulles o traballo que realizan para manter a tradición: “ese monte comunal e esas bestas que viven alí acontecen pola voluntade duns cantos. Este premio vai para a resiliencia dos besteiros da Capelada”.
Creada por Pepe Coira e Fran Araújo, dirixida por Jorge Coira e Elena Trapé e con Alfonso Blanco (Portocabo), Domingo Corral (Movistar Plus+) e Susana Herreras (Movistar Plus+) como produtores executivos, a primeira entrega deste thriller coronouse como a mellor estrea da plataforma dende a segunda tempada de ‘Hierro’, tamén en colaboración con Portocabo.
A trama de ‘Rapa’ arranca co asasinato da alcaldesa de Cedeira. A investigación do crime convértese no obxectivo de Maite (Mónica López), sarxenta da Garda Civil, que tentará pescudar quen a matou e por que. Tomás (Javier Cámara) é a única testemuña dos feitos e converterase en alguén fundamental para Maite na investigación do asasinato. Ademais das boas cifras de visualización na plataforma e das críticas positivas, a serie tivo un gran recoñecemento na tempada de premios.