Na xornada do 23 de xullo o Hotel Restaurante Pena Trevinca, o máis alto de Galicia (a uns 1.800 metros), reabrirá as súas portas en Fonte da Cova (Carballeda de Valdeorras). Este hotel, que aposta polo desenvolvemento do turismo de montaña e de natureza, conta cun total de 20 acolledoras e modernas habitacións (distribuídas en tres zonas de hoteis diferentes), cun parking de 20 prazas.
A lousa e a madeira convértense en principais protagonistas destas instalacións, que foron construídas inspirándose na distribución dun núcleo tradicional galego de montaña, con zonas independentes, pero á vez, conectadas entre si, e cunhas impresionantes vistas na alta montaña galega.
No que se refire á parte de restauración, dispón de tres amplos comedores (un deles pensado para a organización de reunións e congresos), así como unha discoteca, unha área de albergue para campamentos ou excursións (con 50 literas) e outra na que se prevé abrir unha tenda. Nestas instalacións, que veñen de ser renovadas, traballan seis persoas.

“Hai habitacións dobre, triples e individuais e para esta fin de semana xa temos as primeiras reservas”, explica a directora do Hotel Pena Trevinca, Mar Giraldo. Ademais a intención é promover unha serie de actividades complementarias pensando nos visitantes como visitas ou observacións astronómicas, entre outras. De feito, coincidindo co chuvia de estrelas das “Bágoas de San Lourenzo”, 12 e 13 de agosto, teñen previsto instalar unha serie de cadeiras e hamacas no exterior do hotel para que a xente poida desfrutar deste fenómeno astronómico.

“Este hotel ten que ser o embrión do desenvolvemento e da posta en valor do turismo de montaña e da natureza”, destaca a alcaldesa de Carballeda de Valdeorras, María Carmen González, que xunto aos responsables do hotel facía un percorrido guiado para a prensa por estas novas instalacións na tarde do 22 de xullo. Este complexo foi adxudicado polo Concello de Carballeda de Valdeorras á empresa Hestia.
Fotos: Carlos G. Hervella.