ConcellosGalerías de fotosO BarcoÚltima hora

Reábrese a pasarela de madeira sobre o Mariñán, no Malecón do Barco

Na xornada do venres volvía a abrirse ao paso a pasarela de madeira situada sobre o río Mariñán, entre o Paseo do Malecón do Barcoe a zona da Praia do Ouro. Este paso volvía estar operativo tras os traballos de substitución realizados na última semana para a renovación integral desta estrutura.

“Os compoñentes de madeira desta pasarela atopábanse nun estado deficiente pola acción durante anos da humidade existente na contorna. Para paliar esta situación, procedeuse á súa retirada, substituíndo todas as pezas de madeira alteradas pola humidade”, segundo informa do Concello do Barco.

Deste xeito, “aproveitando a morfoloxía e estrutura orixinais da estrutura, así como parte dos compoñentes que non son de madeira, á nova pasarela déuselle un acabado rugoso no chan, para evitar  esvaróns, deixáronse xuntas entre estes taboleiros para garantir unha mellor circulación da auga e da humidade, e déuselle un acabado exterior con maior capacidade de resistencia ás condicións climatolóxicas adversas”, indican dende o Concello.

As obras foron adxudicadas, por un importe de 16.200 euros, á empresa local Carpintería Santigoso, S.L.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button