ConcellosO BarcoÚltima hora

Reactívase a Asociación de Veciños de Calabagueiros (O Barco) que renovará a directiva na vindeira reunión

Entre os temas tratados na segunda xuntanza, celebrada onte, está a problemática do ruído das atraccións nas festas

Reunión da AV.VV. de Calabagueiros no CEIP Conde Fenosa./ Foto cedida.

 

Corría o ano 1980 cando nacía a Asociación de Veciños de Calabagueiros, no Barco de Valdeorras, cun xove Lolo Gómez como vogal. Funcionou uns anos organizando incluso as Festas de Santa Rita pero a xente foi marchando e acabou por paralizarse, reactivándose hai cinco anos, cun barrio moi cambiado e  Lolo na directiva. “Medrou moito, xa non era o dos anos 80, e tiña outra problemática totalmente distinta”, conta Lolo asegurando que tras o parón da pandemia, neste 2023 volve con ganas.

Hai un mes tiñan unha primeira reunión de contacto para coñecer o interese por rehabilitar a asociación e dado que foi positivo na tarde do mércores 15 de novembro tiñan a segunda, no salón de actos do CEIP do Condesa de Fenosa.

Tal como explica o presidente, nesta nova etapa entrou xente nova que decidiu darlle outra orientación cara as redes sociais coa creación dun grupo de Facebook e WhatsApp para recoller as peticións da xente da zona, e na reunión falouse de diferentes temas. Problemáticas como a limpeza ou o estado das pistas deportivas, especialmente o parque de skate “que se instalou en contra da asociación e está totalmente deteriorado”, e sobre todo da sensibilidade polo ruído que se produce na zona especialmente durante as festas, pola instalación das atraccións.

“Recoñecemos que de momento non hai sitio para reubicalas pero vaiselle plantexar ao Concello a necesidade que ten O Barco de estar dotado dun recinto feiral. Parécenos moi importante que asuma a ubicación das atraccións que están moi enriba das casas, a 2-3 metros das ventás dalgúns edificios”, di Lolo, asegurando que de momento aguantarán con algunha solución provisional como que se diminúa un pouco o volume a certas horas da madrugada cumprindo a normativa que ten a Xunta para este tipo de eventos festivos. “Tamén se lle vai plantexar ao Concello a necesidade dun plan de evacuación en caso dun incidente ou accidente na zona porque quedan taponadas todas as saídas, algo que xa se lle plantexara antes da pandemia”, di.

Na seguinte reunión, aínda sen data, renovarase a xunta directiva. “Eu seguirei colaborando pero non como presidente. Trátase de que a xente nova se faga cargo”, asegura.

Artigos relacionados

Back to top button