EconomíaEconomíaÚltima hora

Reactívase o programa “Elixe Galicia” que ten previsto comezar as viaxes a partir do 30 de maio

Vai dirixido ao colectivo de menores de 30 anos, ás familias con fillos menores de idade e aos pensionistas maiores de 55 anos que poderán viaxar a provincias diferentes da súa residencia habitual

Publicidade

A Xunta de Galicia vén de reactivar o programa Elixe Galicia 2021 que ten previsto comezar de novo as viaxes a partir do vindeiro 30 de maio. Así o anunciou a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, durante unha visita a Combarro na que estivo acompañada polo alcalde do concello, Luciano Sobral, o presidente da Asociación Profesional de Guías de Galicia, Tommi Alvarellos e o tesoureiro do Clúster Turismo de Galicia, Alfonso Martínez. Ademais do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López.

Nava Castro destacou que xa se formalizaron o 18% das prazas previstas para este ano, unhas 1.800 das 10.000 que se están a comercializar a través exclusivamente das axencias de viaxes. Castro destacou que o prazo para solicitalas segue aberto e que esta iniciativa traducirase nunha inxección directa ao sector turístico de preto de 3 millóns de euros neste ano, grazas á achega da Xunta que financia o 40% do custe das prazas ata chegar aos 1,3 millóns de euros, e á participación da cidadanía, que sufraga o 60% do coste dos paquetes turísticos. Esta iniciativa súmase á tarxeta bono turístico e e entre ambas acadan os 10M euros destinados para reactivar o sector

Dirixido a xente nova menor de 30 anos, ás familias con fillos menores de idade e a pensionistas maiores de 55 anos, esta segunda convocatoria do programa Elixe Galicia desenvolverase ata o 15 de novembro, excepto no período comprendido entre o 21 de xuño e o 10 de setembro, pontes e festivos, en que non haberá viaxes xa que o obxectivo é seguir fomentando a desestacionalización e o turismo interno.

“Se cando concibimos este programa era importante a desestacionalización agora é máis importante ca nunca fomentar que os galegos fagan máis turismo en Galicia. É unha aposta imprescindible”, asegurou.

Viaxes seguras

Outro dos aspectos que destacou a directora de Turismo de Galicia foi que todas as propostas de Elixe Galicia están organizadas cumprindo estritamente cos protocolos e medidas hixiénico-sanitarias necesarias, con limitación de aforamentos, adaptación das visitas e dos grupos á normativa sanitaria e estrito cumprimento dunha serie de medidas anticovid que garanten a seguridade sanitaria de todos os participantes tanto no que se refire á limpeza como distanciamento de seguridade, manexo de equipaxes e transporte de viaxeiros e adaptación das visitas e dos establecementos seleccionados.

Na páxina web de Turismo de Galicia pódese consultar toda a información relativa a este programa que se suma á Tarxeta Turística #QuedamosenGalicia como ferramentas de reactivación e apoio directo ao sector turístico galego.

Máis información:
https://www.turismo.gal/

Artigos relacionados

Back to top button