CulturaCulturaEducaciónEn portadaGalerías de fotosÚltima hora

Reanúdase a actividade lectiva presencial nos institutos de Valdeorras

Alumnos de 2º de Bacharelato e de ciclos Medio e Superior de FP regresan entre hoxe e mañá a clase, de forma voluntaria

 

Hai unha semana e media a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, anunciaba que o alumnado galego de 2º curso de Bacharelato e de 2º curso de ciclos Medio e Superior de FP “podería volver ás aulas de xeito voluntario a partir do vindeiro 25 de maio”.

E así foi, polo menos en dous dos tres institutos da comarca de Valdeorras: o IES Cosme López da Rúa e o IES Lauro Olmo do Barco. Neste último, regresaba a maioría do alumnado e tal como explica o vicedirector Eladio Santos, na mañá deste 25 de maio, algúns realizaron exames de recuperación mentres o resto asistía a clase, coa mascarilla, e as mesas separadas coa distancia establecidad por Sanidade. “Continurán co curso ata o 8 de xuño e despois asistirán a clases de reforzo para preparar as probas de selectividade”, adianta Santos. Unhas probas que se celebrarán a mediados do mes de xullo no instituto da Rúa.

Aínda que algúns centros optaron por comezar mañá a atención ao alumnado por cuestións de organización, como é o caso do IES Martaguisela do Barco, todos permaneceron abertos hoxe. E con respecto á asistencia, dos 1.068 alumnos que cursan 2º de Bacharelato na provincia de Ourense, asistiron a clase o 50%, é dicir 536. No referido ao alumnado de FP, a asistencia presencial foi puntual por diferentes motivos: hai alumnos de FP non presencial; moitos están desenvolvendo a Formación en Centros de Traballo (FCT); e outros están preparando o proxecto. En calquera caso, en toda a provincia asistían un total de 58.

Fotos: Mónica G. Bellver

Artigos relacionados

Back to top button