EconomíaEconomíaÚltima hora

Recibidas máis de 1.500 solicitudes para a tarxeta “Máis Barco”, cuxo prazo segue aberto

Poderán usarse dende hoxe e ata finais de marzo nos establecementos do comercio e da hostalaría da vila adheridos á campaña, mái dun cento

 

Ata finais de marzo poderán usarse no comercio e na hostalaría as tarxetas “monedeiro” da campaña de dinamización “Máis Barco”, promovida polo Concello e pola Asociación Empresarial de Valdeorras (Aeva). A ela están adheridos máis dun cento de establecementos do municipio e, nestes momentos, aínda está aberta a fase de solicitude da tarxeta por parte dos usuarios, tal e como lembraba esta mañá en rolda de prensa o concelleiro de Comercio do Barco, Eladio Santos. Polo de agora solicitáronse máis de 1.500 tarxetas.

A campaña apóiase nunha tarxeta “monedeiro, cun valor total de 50€, pola que o usuario pagará 30€, mentres que o Concello do Barco achega outros 20€. Isto supón un aforro do 40% para os usuarios da tarxeta. “O prazo de solicitude da tarxeta manterase aberto ata prieiros de febreiro e pode tramitarse a través da páxina web  www.concellodobarco.gal/gl/mais-barco . Dende esta mañá xa hai xente retirando a súa tarxeta nas Oficinas de Aeva. Nese senso, animamos á xente a que se sume á campaña e solicite a súa tarxeta”, indicaba o edil, que estaba acompañado polo alcalde do Barco, Alfredo García; a presidenta de Aeva, Araceli Fernández, e por un representante de Abanca, Mateo Alonso.

En total está previsto emitir 5.000 tarxetas, cada unha delas cun saldo de 50€, dos que 20 serán aportados polo Concello e os 30 euros restantes polo solicitante da mesma. Estas tarxetas poderán utilizarse exclusivamente nos establecementos do Barco adheridos á campaña.

 

 

Esta iniciativa é posible grazas a un convenio firmado entre o Concello e a Asociación Empresarial de Valdeorras e que supón unha apartación municipal de 115.000 euros. O obxectivo é que, por mor desta campaña, o comercio e a hostalaría ingrese 250.000 euros.

Pola súa banda, a presidenta de Aeva agradecía aos comerciantes a súa implicación na campaña, ademais de animar ao consumidor á que tamén participe apoiándoa “isto vai ser bo para todos”. De maneira semellante se manifestaba o representante de Abanca, que amosaba a satisfacción da entidade por colaborar nesta iniciativa.

“A nosa intención é repartir o 100% das tarxetas e faremos o que estea na nosa an para poder mobilizar eses 250.000 euros previstos. A partir de hoxe xa poderán usarse nos comercios e nos establecementos de hostalaría adheridos á campaña”, aseguraba o alcalde do Barco, Alfredo García.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button