CulturaCulturaGalerías de fotosMúsicaÚltima hora

Recital de ópera e zarzuela na Rúa da man de Montserrat Mart í Caballé e de Luis Santana

Na súa actuación, que reunía a unhas 350 persoas no Centro Cultural Avenida na tarde do 4 de maio, estaban acompañados ao piano por Antonio López

Coa interpretación de “L’amore mio” de Donizetti sobre o escenario do Centro Cultural Avenida iniciábase ás oito da tarde do 4 de maio o programa do recital de Ópera e Zarzuela que ofrecían a soprano Montserrat Mart í Caballé e o barítono Luis Santana, acompañados ao piano por Antonio López Serrano.

Unhas 350 persoas asistían a esta actuación na que a soprano e o barítono ían intercalando pezas  e na que remataban a primeira parte (centrada na ópera e con pezas de compositores como Rossini, Mozart ou Puccini) interpretando conxuntamente dúas pezas da Traviata de Verdi.

Arredor das nove menos cuarto tiña lugar unha pequena pausa de dez minutos, e o espectáculo retomábase con “Del caballo máis sutil” coa voz de Mart í Caballé. Despois, dábase paso a un dos momentos máis emotivos do recital no que Luis Santana confesáballe ao público a súa “ousadía” de querer cantar tres temas en galego. O primeiro deles era “Non te quero por bonita” de Marcial del Adalid, “un compositor pouco coñecido, pero ao que eu considero o Schubert galego”, explicaba. Despois viña “Dúas cancións Xacobeas” (Antón García Abril) e a coñecida “Negra sombra” (Juan Montes), con versos de Rosalía de Castro.

A continuación a soprano e o barítono volvían unir as súas voces en “Habanera” de Manuel Penella e logo ían intercalándose ata completar o programa do recital con “En mi tierra extremeña”.

Fotos: Carlos G. Hervella

Artigos relacionados

Back to top button