
A Axencia Estatal de Meteoroloxía informa dunha nova xornada en alerta vermella por altas temperaturas na área do Miño, en Ourense, onde segundo a súa previsión, os termómetros chegarán aos 42º, polo que fai falta adoptar as medidas preventivas necesarias.
Así mesmo, actívase unha alerta laranxa para o noroeste e sur da provincia de Ourense e no interior, do Miño e das Rías Baixas de Pontevedra por temperaturas que poden chegar ata os 39º e no interior e suroeste da Coruña con 37º. No resto da Comunidade, a pesar da presentar valores inferiores, continuará a calor abafante.
Recomendacións
Desde a Consellería de Sanidade lembran á cidadanía unha serie de consellos que poderán ser moi útiles para estes días de calor extrema.
Beberase máis líquido do habitual sen esperar a ter sede, sobre todo auga e zumes de froita lixeiramente fríos. Deberase evitar inxerir bebidas quentes, alcohólicas, café, té e as moi azucradas. Así mesmo, comeranse verduras e froitas e evitaranse as comidas copiosas.
Respecto á vestimenta, Sanidade recomenda usar roupa de tecidos naturais, lixeira e folgada, de cores claras, chapeus, lentes de sol e cremas protectoras solares. O calzado deberá ser cómodo, fresco e que transpire.

No interior dos edificios permanecerase, se é posible, en espazos ventilados ou acondicionados, e utilizando as habitacións máis frescas da vivenda.
Durante o día, baixaranse as persianas e pecharanse as xanelas, abríndoas pola noite para ventilar. Así mesmo, poderán utilizarse ventiladores. Nos momentos de calor máis intensa refrescarase o corpo cunha ducha ou cun baño en auga morna.
Ademais, procurarase eludir as aglomeracións de persoas en locais sen aire acondicionado. No exterior dos edificios evitaranse, na medida do posible, as actividades nas horas máis calorosas, reducirase a actividade física, procurarase buscar as sombras e, cando se estacione o coche, non se deberá deixar no interior nin a nenos nin a persoas maiores, nin a ningún animal de compaña.
Así mesmo, convén non ir á praia nas horas de máxima calor (mediodía e as primeiras da tarde). Ao mesmo tempo, Sanidade sinala que nunca se debe quedar durmido tomando o sol. Respecto das cremas de protección, utilizaranse as de maior protección posible, e nunca inferior a vinte.
Aínda que estas recomendacións son para a poboación en xeral, terase que extremar a precaución nas persoas con risco de ter mais episodios adversos relacionados coa calor, como son os nenos e nenas menores de cinco anos, as persoas de idades avanzadas e as persoas con enfermidades crónicas: cardiocirculatorias, respiratorias, renais, mentais, diabetes, hipertensión arterial e obesidade. Lembre que, si ten parentes ou veciños que vivan sós, é conveniente facerlles un seguimento especial estes días, co fin de comprobar que adoptan as medidas recomendadas e o seu estado de saúde é o habitual.



