CulturaCulturaGalerías de fotosÚltima hora

Redescubrindo o galego entre bicos, con Talía Teatro no Barco

A compañía representaba “Bicos con lingua” no Xardín da Casa Grande de Viloira na noite do 7 de xullo

“E ti esperta!”. Era a mensaxe final que lanzaban os intérpretes de “Bicos con lingua”, espectáculo dirixido por Avelino González que Talía Teatro poñía en escena no Xardín da Casa Grande de Viloira (O Barco) na noite do 7 de xullo.

Toño Casais e Artur Trillo recreaban, en clave de comedia e cun ritmo moi áxil, media ducia de situacións cuxa protagonista era a lingua galega e o complexo momento sociolingüístico que vive. Algunhas eran máis reais, como a de dúas nais que agardaban o autobús cos seus meniños ou a dun mozo que quere galeguizar o seu nome, e outras de ton máis fantasioso como a asistencia médica a unha lingua que está a piques de morrer ou o encontro entre dous galegofalantes falecidos.

Esta obra, que se estreaba no 2003 e que leva dende entón en cartel, ten textos de varios autores: Avelino González, Cándido Pazó, Xavier Lama, Suso de Toro, Ana Iglesias, Manuel Núñez Singala e Marta Etxebarría.

“Bicos con lingua” chegaba ao Barco no marco do ciclo “De Perto”, programado pola Concellería de Cultura e que nesta quinta edición está centrado na “Palabra contada, cantada ou rimada”. A seguinte cita deste programa terá lugar o martes 11 de xullo ás 22:30h. no mesmo Xardín da Casa Grande. Alí Cándido Pazó levará a súa proposta “Como cho conto”.

Fotos: Ángeles Rodríguez/ Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button