OurenseÚltima hora

‘Reflexos’, exposición colectiva da Agrupación FotoSíntese, no Liceo de Ourense

A mostra, formada por 27 fotografía, permanecerá aberta ata o 15 xaneiro

 

Dende o día 1 e ata o 15 xaneiro, os locais do Liceo de Ourense acollen a exposición colectiva da Agrupación FotoSíntese ‘Reflexos’, un catálogo de 27 fotografías de diferentes autores.

Nestes momentos, nos que parece que aquelas imaxes, da pandemia, máis duras e impactantes, referidas ao sufrimento das persoas de todo o planeta, parecen ir abandoando as primeiras páxinas dos medios de comunicación, dende FotoSíntese tentan ofertar unha manchea de fotos nas que o visitante poida fuxir, durante uns instantes, desa enchente de imaxes que o acompañaron nos últimos meses.

“Dende os inicios da fotografía, exitiu unha pugna entre o que se denomina embelecemento e os partidarios da veracidade”, din dende a agrupación. Unha diatriba que “foi esmorecendo pois vemos como as imaxes que sobresaen, nese territorio da chamada veracidade, tamén buscan a beleza na composición, os bos encadres e non descuidan a iluminación. Polo tanto pensamos que a aposta pola fermosura non está rifada coa comunicación da verdade”, aseguran, explicando que a temática da súa mostra, incorpora o uso do espello en cada unha das fotos. “Diferentes imaxes e distintos xeitos de expresión que, na súa visión, poidan inclinar a balanza da opinión cara o compoñente estético”.

Todos sabemos que non podemos mirarnos a nós mesmos a non ser que o fagamos a través dun reflexo e nunca, conseguiremos vernos, tal e como nos ven os outros. Por iso dende a agrupación convidan aos visitantes a esta exposición “a explorar, neste xogo de espellos, todos aqueles planos que o leven a pensar que eses reflexos, falan da vida do noso arredor, de que non estamos sós, a querer saber máis e afondar nesa paisaxe ou arquitectura que a súa vez se amosa invertida, incluso borrosa, confusa ou indefinida polo que se amplifican os lugares e podemos proxectar esa mirada única, que temos cada un dos espectadores, a esa diversidade de luces, formas e liñas”.

Aseguran ser conscientes de que “as superficies que reflicten non consiguen cumprir coa perfección que se podería agardar delas, que crean distorsión, diversidade e mesmo confusión”, todo un ruído que non deixa de ser a realidade da vida na que estamos asolagados.

 

Artigos relacionados

Back to top button