Esta mañá o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitaban o Centro de Saúde de Toén acompañados do alcalde deste concello, Ricardo González, para anunciar a próxima licitación de reforma da entrada desa infraestrutura sanitaria.
Recollendo a solicitude formulada polo alcalde, a Xunta contratou un proxecto arquitectónico destinado a facilitar o acceso das ambulancias ao centro de saúde, resolvendo así unha necesidade detectada ao longo do uso deste novo centro. O Goberno galego aprobou este mes de marzo, trala preceptiva supervisión técnica, este proxecto e está en condicións de licitar o contrato de obra nos vindeiros días, por un importe de 78.874 euros.
O proxecto contempla, en primeiro lugar, a modificación da porta de acceso, aumentando o oco actual no muro de formigón para permitir instalar un portón de dúas follas con apertura mecanizada. Esta nova entrada deixará un ancho libre entre ambas follas de 3,63 metros, o que posibilitará tanto o acceso peonil ordinario como o acceso rodado de xeito controlado dos vehículos sanitarios.
Para soportar o peso destes vehículos sanitarios no recinto interior, reforzarase a base de sustentación do pavimento actual introducindo formigón como base ríxida. Para manter os acabados existentes, desmontarase con sumo coidado o pavimento actual, numerando as pezas para garantir a súa colocación na mesma posición sobre a nova base ríxida. Do mesmo xeito, conservaranse os sumidoiros de recollida de pluviais e os focos incrustados actualmente existentes.
A intervención arquitectónica proponse cumprir coas necesidades prácticas requiridas acadando unha homoxeneidade co entorno construído do centro de saúde, empregando os mesmos acabados para manter a imaxe do actual edificio. Do mesmo xeito, xardineiros especialistas realizarán a retirada e transplantados das enredadeiras existentes na súa nova posición. A actuación completa actuará sobre unha superficie de 106 metros cadrados.