En portadaÚltima hora

Remata a obra de mellora da capacidade do desaugadoiro do Regueiro de Forcadela (O Barco)

Os traballos, que supuxeron un investimento de 245.000 €, consistiron na demolición da antiga canle de desaugadoiro e do marco soterrado existente, reconstruíndo estas estruturas cunha xeometría e dimensións suficientes para o paso das crecidas

 

A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS) finalizaba a finais da pasada semana as actuacións de mellora da capacidade de desaugadoiro e recuperación do dominio público hidráulico no Regueiro de Forcadela – O Barco de Valdeorras (Ourense). Esta mañá, o presidente da CHMS, José Antonio Quiroga, e o alcalde do municipio, Alfredo García, visitaban a zona para comprobar o resultado dos traballos.

 

 

O rexedor barquense destacaba a colaboración da confederación, e especialmente a implicación do seu presidente, para resolver o problema desta zona na que se producían en certos momentos desbordamentos. “A CHMS mandou aos técnicos ue plantexaron refacer o arroio, de forma que cumpra coa avenida dos 500 anos e que non dea problemas”, indicaba García. A partir de aí o Concello do Barco asinaba un convenio co organismo de conca para facer esta obra que “penso que quedou moi ben”, engadía o rexedor, xa que “mantén unha petición que tiñan os veciños: que quedase aparcamento. Mantívose ese sitio para aparcar, pero sen perder de vista a seguridade, é dicir, que non desborde o río en ningún caso”.

 

O presidente da CHMS, José Antonio Quiroga.

 

Pola súa banda, o presidente da CHMS valoraba tamén positivamente o resultado das obras. “Ver a actuación e como se restaurou, recuperou e encauzou todo o rego de Forcadela e a zona adxacente, pois é unha satisfacción para todos. Cumpriuse o obxectivo técnico, estético e medioambiental e hai motivos máis que suficientes para sentirnos satisfeitos”, dicía.

Así mesmo poñía en valor a cooperación entre administracións. “A colaboración institucional é a clave para conseguir proxectos importantes para preservar e mellorar o estado dos nosos leitos fluviais e para valorizar a riqueza natural coa que se conta, sendo fundamental a implicación dos gobernos locais como canle de comunicación máis directo e claro, polo coñecemento que posúen das necesidades reais das zonas ás que representan”, explicaba José Antonio Quiroga.

 

 

A actuación

O regueiro de Forcadela adéntrase no Barco de Valdeorras por un leito que se desbordaba en época de crecidas discorrendo a auga pola Travesía de Veigadecabo; para corrixir esta situación, a CHMS acometeu as obras de demolición da antiga canle de desaugadoiro e do marco soterrado existente, augas abaixo da obra de paso da N-120, para reconstruír estas estruturas cunha xeometría e dimensións suficientes para o paso das crecidas sen que se producisen desbordamentos.

Paralelamente levaron a cabo actuacións de limpeza e recuperación ambiental nunha lonxitude de 80 m en superficie, con proteccións constituídas por diques ata a cota das avenidas ordinarias e elementos de bioingeniería na franxa superior.

A obra concluíu coa reposición dos servizos afectados e pavimentación das superficies afectadas, supoñendo no conxunto das obras un investimento de 245.000 €, o 80% del aportado pola CHMS e o 20% o Concello.

Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button