OurenseÚltima hora

Rematada a primeira fase da Estación Intermodal de Ourense

 

No mediodía deste martes 20 de xullo, o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, visitaba, acompañado do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, da conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, e de diferentes representantes institucionais da cidade e provincia, o remate das obras da primeira fase da Estación Intermodal de Ourense, composta pola terminal de autobuses, a praza e o aparcadoiro con 300 prazas, cun investimento de 9 millóns de euros financiados pola Xunta e polo ADIF.

Durante a visita puideron comprobar as novas dotacións ao servizo dos viaxeiros (zona de espera, despachos de billetes, consignas, aparcadoiro subterráneo, zona de dársenas), así coma o proxecto de humanización (con frases de Vicente Risco esparexidas ao longo da terminal) e a fonte termal.

 

Visita á Intermodal de Ourense.

 

Na súa intervención, o alcalde salientou que é unha infraestrutura que a cidade de Ourense leva décadas esperando, especialmente no barrio da Ponte. Porén, “estas infraestruturas que veñen non poden colmarnos, nin matar a nosa ambición, nin perder a perspectiva”, dixo. “De momento, Ourense é unha cidade Cenicienta, e recibimos menos que outras cidades cunha poboación proporcional”, dixo, “agardamos que isto poida cambiar no futuro”.

O presidente da Xunta, pola súa banda, salientou o compromiso da Xunta de Galicia con Ourense, cumprindo todos os acordos. Neste sentido, botou en falta o mesmo compromiso por parte do goberno central co remate da estación de tren. “Ourense debe ser a entrada do AVE de Galicia”, dixo, destacando que “estamos a falar dunha gran estación de autobuses, céntrica, accesible e moderna; con máis de 7.300 metros cadrados e coa previsión de albergar case 70.000 expedicións e a 265.000 viaxeiros”, engadiu, referíndose tamén á humanización da contorna, á ordenación do tráfico e ao reforzo da independencia do centro de saúde contiguo.

 

O presidente da Xunta, Alberto Núñez, durante a súa intervención.

 

Feijóo subliñou que con esta nova infraestrutura, o Goberno galego dá un paso máis no compromiso da Galicia única, así como na aposta por unha mobilidade menos contaminante, que se veu reflectida na renovación das 3.100 liñas de transporte interurbano da Comunidade, coa introdución no transporte público de novas modalidades, como o autobús compartido, que aproveita as prazas baleiras do autocar escolar para o resto dos usuarios; ou o transporte baixo demanda, que permite levar este servizo público esencial onde antes non chegaba e cubrir a totalidade do territorio; así como coa gratuidade das viaxes aos menores de 21 anos.

O presidente do Goberno galego concluíu garantindo que a Administración autonómica “seguirá traballando na cidade”: na mellora da seguridade viaria e na humanización das rúas, como está a facer en Marcelo Macías, en Seixalbo ou na contorna da Ponte Vella; na mellora dos servizos sociais, impulsando a construción da nova residencia da terceira idade, aproveitando a parcela da vella estación de autobuses, xa completamente demolida; e na mellora da sanidade pública, cunha renovación, ampliación e reforzo das infraestruturas do Complexo hospitalario de Ourense, ao que se destinarán 120 millóns de euros.

Artigos relacionados

Back to top button