ConcellosÚltima horaVilamartín

Rematan as obras de mellora do Centro de Saúde de Vilamartín

O delegado da Xunta na provincia visitaba esta instalación está mañá para supervisar o remate desta actuación na que o goberno galego investiu case 43.000 euros

 

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitou esta mañá, acompañado do alcalde, Enrique Álvarez, o centro de saúde de Vilamartín de Valdeorras para supervisar o remate das obras de mellora de envolventes e illamento do edificio nas que a Consellería de Sanidade investiu preto de 43.000 euros.

Co obxecto e obter unha “importante mellora da eficiencia enerxética da edificación actuouse sobre as carpinterías exteriores e o lucernario, tamén se aproveitou para facer un repaso e limpeza de cuberta (fixado, selado e reposición de lousas deterioradas e limpeza de canelóns). Levamos xa traballando anos en eficiencia enerxética dende diferentes consellerías, para ser máis respectuosos co medio natural e tamén para reducir os custos de recursos”, segundo indicaba Gabriel Alén.

Ademais subliñou que que todas as actuacións foron planificadas e executadas para non interferir no deseño e estética orixinal do edificio; así, executouse unha folla illante na carpintería exterior e realizouse e instalouse unha subestrutura de aluminio independente no lucernario.

O delegado tamén adiantou que está prevista a Instalación de climatización mediante Aerotermia para substituír o actual e ineficiente sistema de calefacción eléctrico, e o cambio de iluminación convencional a tipo led. E incidiu en que se traballa no eido da sanidade en tres liñas principais: “renovación de infraestruturas, renovación tecnolóxica e recoñecendo a importancia do capital humano, nos vindeiros días está prevista a publicación no DOG da convocatoria de 1.070 prazas de enfermeiría e desexando e solicitando que se nos permita convocar as prazas necesarias para cubrir esas vacantes existentes e incidir nas convocatorias MIR extraordinarias para xerar médicos especialistas necesarios en todo o sistema público de saúde”.

O delegado territorial subliñou que dende o ano 2009, a Xunta de Galicia construíu ou reformou un total de 96 centros de saúde, o que supuxo actuar sobre mais de 75.000 metros cadrados. A eles hai que engadir as 2 obras que arestora están en marcha. “Para continuar con este esforzo, en outubro de 2021 o Goberno galego aprobou o Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria, que contempla 51 actuacións de construción ou reforma en centros de saúde de toda Galicia”, segundo o delegado.

Na provincia de Ourense, este Plan recolle un novo Centro Integral de Saúde na cidade de Ourense cuxo proxecto construtivo vén de ser adxudicado e un novo centro de saúde en A Rúa cuxa redacción de proxecto está xa encomendada á Axencia Galega de Infraestruturas.

Por outra banda, na fase 1 do Plan contémplanse novos centros en Muíños, Boborás e O Carballiño mentres que na fase 2 proxéctanse a construción de novos centros en Allariz, Montederramo e o barrio de Mariñamansa na cidade de Ourense, así como a reforma do centro de saúde e PAC de Viana do Bolo.

A día de hoxe, fixéronse actuacións nos centros de saúde de Rairiz de Veiga (37.157 euros); O Bolo (24.494 euros); Amoeiro (14.689 euros); Castrelo de Miño (14.464 euros); Maside (48.398 euros) e Viladevós (10.656 euros). Están prorrogadas as obras do centro de saúde de Castro Caldelas (202.300 euros) e Beariz (122.967 euros). Un total de máis de 475.000 euros.

Nestes intres, tamén se remataron diversas obras menores en centros de saúde da provincia de Ourense por un importe de 300.000 euros. Deste xeito, no de Larouco (11.978 euros); Petín, Outomuro e Verea (35.899 euros); Parada do Sil (9.680 euros); Entrimo (22.554 euros); Carballeira (52.702 euros); A Ponte – Ourense (61.715 euros); CES – Ourense (39.910 euros); Vilamartín de Valdeorras (42.883 euros) e Allariz (22.600 euros).

Pola súa banda, o alcalde de Vilamartín de Valdeorras, Enrique Álvarez, agradecía o investimento da Xunta no Centro de Saúde deste municipio e ademais aproveitaba para trasladarlle “unha pequena reivindicación que temos dende hai tempo, hai bastantes anos que andamos detrás del para actuar na zona das covas, e pedinlle ao delegado da Xunta que me diga onde temos que petar para pedir realizar un investimento para pór en valor esta zona tan importante para nós”.

O delegado da Xunta respostaba destacando o potencial turístico da comarca de Valdeorras e o interese da Xunta por desenvovelo, neste senso, dicía, “informei das liñas que imos coordinar e imos encauzalo a través das diferentes liñas de financiamento galegas”.

Hospital Comarcal de Valdeorras

O delegado territorial aproveitou a súa presenza na comarca para destacar o investimento superior a 2 millóns de euros que a Consellería de Sanidade realiza na mellora dos equipos e as infraestruturas do Hospital Público Valdeorras. Deste xeito aludiu ás melloras que contemplan a ampliación do Hospital de Día Onco-Hematolóxico, as áreas de recuperación da Unidade de Cirurxía Maior Ambulatoria, a modernización das instalacións da Farmacia Hospitalaria e a próxima reactivación da reforma do área de consultas externas.

Gabriel Alén tamén se referiu á renovación do equipamento tecnolóxico, apartado este que inclúe a incorporación dun ecógrafo a Xinecoloxía e Cardioloxía, un equipo que evita desprazamentos dos pacientes oncolóxicos a Ourense. Ademais, recordou a adquisición de ecógrafos para Urxencias e Radiodiagnóstico, así como un tomógrafo e un biómetro, destinados a Oftalmoloxía.

Gabriel Alén lembrou recente licitación da Xunta da compra de camas, mesas e cadeiras de pacientes para renovar o mobiliario de todas as habitacións do Hospital Comarcal de Valdeorras. En total son 106 unidades de cada elemento. O orzamento é de 474.562 euros e de cara á adxudicación valoraranse criterios como a extensión da garantía, a inclusión de novas tecnoloxías (como a incorporación de peso de pacientes nas camas) ou a accesibilidade dos equipos e as facilidades para axustar osíxeno ou porta soros.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button