ConcellosÚltima hora

Rematan as obras de renovación da avenida do Bierzo na vila do Barco

A actuación ten suposto un investimento de 780.000 euros

 

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de rematar as obras de renovación da avenida do Bierzo, no núcleo urbano do Barco de Valdeorras, que supuxeron un investimento de 780.000 euros. A actuación desenvolveuse nos primeiros 655 metros da estrada autonómica OU-622, o treito da vía cun carácter máis urbano, para reforzar a seguridade e facer máis humana e accesible a súa contorna.

Para conseguir este obxectivo, mellorouse a accesibilidade nas pontes situadas no inicio da estrada autonómica: do punto quilométrico 0+000 ao 0+200, para salvar a vía ferroviaria; e do quilómetro 0+275 ao 0+290, para salvar o río Cigüeño.

Incrementouse o ancho da beirarrúa na marxe esquerda para mellorar a mobilidade para o tránsito peonil dos veciños, así como a accesibilidade aos edificios localizados na zona, que antes tiñan accesos con importantes desniveis. A partir do punto quilométrico 0+320 e ata o 0+655 ampliouse o ancho das dúas beirarrúas.

Tamén se reordenaron os usos da avenida do Bierzo no seu treito central, en canto ao tráfico peonil, de vehículos e zonas de estacionamento. Os últimos traballos centráronse na instalación das xuntas do paso superior sobre o ferrocarril e na colocación da sinalización horizontal.

“A intervención permitiu mellorar as condicións de seguridade viaria no contorno do colexio Divina Pastora, así como nas rutas de chegada dos cativos ao colexio, distanciando o tráfico rodado da zona de tránsito”, segundo informa a Consellería de Infraestruturas.

Destaca tamén a renovación das infraestruturas de abastecemento e saneamento que discorren por ambas as marxes e que presentaban un grado de deterioro importante debido ao paso do tempo.

A actuación incluíu melloras de servizos que son de competencia municipal, como o saneamento, o abastecemento, a iluminación e a semaforización, polo que a Xunta solicitou a implicación do Concello, que se comprometeu a asumir a titularidade do treito, unha vez finalizados os traballos.

Artigos relacionados

Back to top button