ConcellosQuirogaÚltima hora

Reparados os danos causados polos incendios do verán na Ruta da Lagoa da Lucenza

 

Rematáronse as obras de reparación dos danos causados polos incendios do pasado verán na ruta da Lagoa da Lucenza. O incendio que afectou á senda da ruta que vai desde o núcleo de a Seara ata a lagoa queimou todas as sinais informativas e tamén danou o trazado polo paso das máquinas e equipos de extinción de incendios que actuaron na zona.

A Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia aportaba uns 19.000 €, que completaba o Concello de Quiroga ata os 25.000 invertidos, que serviron para a reparación da plataforma, a sinalización da ruta, a recuperación de elementos danados e a colocación de novas sinais informativas e interpretativas que permitan a mellor comprensión do medio natural desta ruta.

Nesta ruta homologada (PR-G 184) pintouse unha nova sinalización mediante franxas paralelas e de distinta cor (branca e amarela) aproximadamente cada 50 metros, fíxose un refino e planeo do camiño coa correspondente apertura de cunetas, e colocouse unha mesa interpretativa (pendente do contido que se atopa en imprenta) conforme a indicacións do manual de sinalización turística da Xunta de Galicia, así como frechas indicativas de madeira tratada. O Concello de Quiroga aproveitou tamén para reparar unha rúa no núcleo da Seara que fora danado por unha moto bomba que participaba na extinción do incendio.

A Ruta (PR-G 184) da Lagoa da Lucenza, iníciase no pobo da Seara, e ascende polo val de Forgas, pasando polas fervenzas de Fócaro e de Navarega, ata chegar á Lagoa da Lucenza, de orixe glaciar e cuxa antigüidade remóntase ao pleistoceno. Séguese ascendendo ata a Campa da Lucenza, a uns 1500 m de altitude, e enlázase con unha pista que recorre a parte alta destas montañas. Ao chegar ás proximidades do Alto de Formigueiros, desvíase por un sendeiro que nos levará de volta á Seara pola outra ladeira do val de Forgas.

Artigos relacionados

Back to top button