EconomíaEconomíaÚltima hora

Representación ourensá na XII Feira Ecolóxica de Arzúa

Media ducia de empresas da provincia promocionaban e comercializaban os seus produtos verdes neste certame coruñés
Público visitando os stands da mostra.
Público visitando os stands da mostra.

Ao longo da fin de semana do 14 e 15 de novembro o público tiña oportunidade de degostar e mercar produtos ecolóxicos nos postos dos máis de 60 expositores da XII Feira Ecolóxica de Arzúa. Entre eles había unha representación ourensá formada por media ducia de empresas: Adegas do Campo Gacio C.B. (Rubiá), Alicornio Organic Liquors (Sarreaus), Carabuñas (Vilar de Santos) ou Tataví Bebés (Ourense), ademais da entidade Amigos da Terra. Entre os stands había tamén representación da comarca quiroguesa da man de Xogos e Xoguetes de Inxenio (Quiroga), Aceites Figueiredo (Ribas de Sil) ou Caurelor (Folgoso do Caurel).

O certame reunía a empresas  de produtos ecolóxicos de diversos puntos de Galicia.
O certame reunía a empresas de produtos ecolóxicos de diversos puntos de Galicia.

Entre as principais novidades que os numerosos visitantes se atopaban nesta edición da feira estaban unha ampla variedade de pan ecolóxico, conservas de algas e vexetais, licores ou pasta ecolóxica, entre outras. Do mesmo xeito, os obradoiros contaban cunha alta participación durante as dúas xornadas nas que a xente tivo a oportunidade de aprender máis sobre cosmética natural, xogos Kapla, aromatoloxía, cociña e naturopatía e tratamentos invernais. O programa expositivo completábase con actividades complementarias como demostracións, mesas redondas, exposicións, proxeccións ou representacións teatrais como “Sede de mal” de Luís Iglesia e Xabier Deive.

Actuación de Dani García no marco da feira.
Actuación de Dani García no marco da feira.

Dende a organización faise unha valoración positiva desta edición na que o certame reafírmase “como o punto de encontro por excelencia entre público, produtores, distribuidores e artesáns do sector verde de Galicia. Durante as xornadas do sábado 14 e o domingo 15, o Recinto Feiral Terra do Queixo rexistrou un cheo total e unha alta participación dos asistentes nos obradoiros, charlas e demostracións realizadas”. Esta mostra foi organizada polo Concello de Arzúa e xestionada por Culturactiva SCG.

Artigos relacionados

Back to top button