OurenseÚltima hora

Representantes do PSdeG nas distintas cámaras xúntanse para “pór en marcha o Foro polo cambio social”

Sanidade, infraestruturas, demografía e pensións centraron a reunión na sede de Ribeira de Canedo
Francisco Fraga, Noela Blanco e Rocío de Frutos foron algúns dos asistentes a esta xuntanza. // Foto: Carlos Asensio.

O PSdeG de Ourense mantivo hoxe, 2 de febreiro, a primeira xuntanza interparlamentaria, na sede de Ribeira de Canedo (Ourense), cos representantes da provincia no Congreso, Senado, Parlamento de Galicia e Deputación “co obxectivo de poñer en marcha o Foro polo cambio social”, explicou o secretario provincial, Rafael Rodríguez Villarino.

Sobre a mesa puxeron “dous temas dos máis esquecidos”, explicou Villarino: a sanidade e a “desatención” nas infraestruturas. Neste senso, a liña que vai seguir o PSdeG-PSOE con esta nova directiva provincial é a de “crear un programa novo polo cambio para que sexan atendidas dende todas as administracións” as súas demandas.

Xa o pasado 31 de xaneiro, cando anunciaron este “Foro polo cambio social”, informaron que os contactos coas diferentes entidades ían comezar dende ese mesmo día. Hoxe Villarino declarou que están a facer os primeiros contactos “con entidades sindicais e empresariais” pero que “aínda non temos fixados os contactos formalmente” que os farán a través do envío de cartas a ditas entidades.

Afondando no tema, o secretario provincial dos socialistas reiterou que van poñer sobre a mesa o tema da A-76 e “do que vai supor a Estación Intermodal para Ourense así como outros temas relacionados con infraestruturas na cidade”.

A demografía é outro dos temas dos que falaron “xa que a provincia está desatendida neste eido”, resaltou. Tamén informou que un senador dos socialistas está dentro da Comisión de Demografía e que vai elevar o tema á Cámara Alta, así como “o tema das pensións”.

Villarino tamén amosou a súa satisfacción pola recentemente aprobada proposición non de lei, proposta por En Marea e apoiada de xeito unánime na Comisión de Infraestruturas do Parlamento de Galicia, de instar ao Goberno central a que unifique o prezo dos billetes de tren Ourense-A Coruña ao resto dos trens que prestan o mesmo servizo en Galicia, así como o aumento de frecuencias entre ambas as dúas cidades. “A unanimidade política ten que prevalecer nestes temas, ir máis aló das siglas, e ir máis aló de calquera idea particular”, salientou Rafael Rodríguez Villarino.

Artigos relacionados

Back to top button