Especialmente emotiva resultaba a chegada a San Miguel de Bidueira (Manzaneda) dos irmáns Héctor e Alejandro Rodríguez Monarris. Tras case 1.900 km de percorrido en bicicleta vían cumprido o seu obxectivo. Facían realidade o “Reto PedaELA. Camiño da Lembranza”, un proxecto no que xuntaban a súa paixón polo ciclismo co amor pola súa avoa Felisa, falecida en novembro de 2011 a causa da ELA (Esclerosis Lateral Amiotrófica), e cunha fin solidaria: facer visible esta enfermidade.
Quince días atrás, saían de Barcelona, logo dirixíanse cara San Sebastián para seguir dende alí o Camiño do Norte a Santiago. Tras completalo, engadíanlle dúas etapas máis ata Ourense e, finalmente, ata San Miguel de Bidueira, o pobo natal da súa “yaya”. Alí chegaban o 9 de agosto ás 17:30h, precedidos polo vehículo de Protección Civil de Manzaneda.
Nas proximidades da igrexa agardábanos os seus familiares, os veciños do pobo e o alcalde de Manzaneda, Félix Domíguez, xunto cun grupo de gaiteiros. Nada máis baixarse da bici eran recibidos entre abrazos polos seus familiares. Despois, dirixíanse ao cemiterio para visitar á tumba da súa avoa, onde lle deixaban, a modo de ofrenda, un dos cascos cos que realizaban o camiño. Despois, os dous irmáns fundíanse, profundamente emocionados, nunha aperta.
Tras un traxecto de máis de 1.900 km con 25.000 metros de desnivel, aseguran que ten sido “un reto en todos os sentidos”. Un reto deportivo, solidario e reivindicativo buscando, sobre todo, darlle “visibilidade á ELA, unha enfermidade da que se coñece moi pouco”. Foi ademais un reto, confesaban, que “empezou con medo e descoñecemento, como empeza a ELA, e que non sabiamos como ía a acabar. E, ao final, acabou con amor e esperanza que é como queremos que acabe esa enfermidade”. Tamén tiñan un recordo moi especial para a súa avoa, “que sempre nos ensinou o importante que era que nos xuntaramos aquí toda a familia”.
Fotos: Carlos G. Hervella.