A Deputación de Ourense, a través do Inorde, impulsa o Camiño da Vía da Prata por etapas coa novidade das saídas dende A Canda (A Mezquita). Esta acción, que conta co apoio da Axencia Galega Turismo, pretende “impulsar o coñecemento deste itinerario xacobeo entre a poboación local”.
A Vía da Prata por etapas, que inclúe guía e autobús, permite realizar os diferentes tramos do Camiño Mozárabe durante varias xornadas, podendo optar os usuarios por facer etapas soltas ou inscribirse en tódolos tramos. A iniciativa, posta xa en marcha, resultou un éxito a pasada Semana Santa, con gran demanda de prazas para as etapas ata Santiago.
Con este novo itinerario, que se iniciará os domingos dende o 25 de maio ata o 22 de xuño, os peregrinos percorrerán paisaxes de montaña e núcleos de poboación de gran beleza, que discorren polos municipios de A Mezquita, A Gudiña, Vilariño de Conso, Castrelo de Val, Laza, Vilar de Barrio, Xunqueira de Ambía, Paderne de Allariz, Taboadela e San Cibrao, ata chegar Ourense capital. Así, os peregrinos poderán coñecer parte da etnografía, cultura popular e patrimonio das distintas localidades, a través da interacción con asociacións das diferentes localidades que atravesa o itinerario xacobeo.
As próximas datas
A primeira data co Camiño por etapas A Canda (A Mezquita)-Ourense será o 25 de maio, con percorrido A Canda-Vilavella-A Gudiña, cun total de 18 kilómetros.
A seguinte parada, o 1 de xuño, inclúe os tramos A Gudiña/Venta do Bolaño-Campobecerros-Portocamba e Laza (opción de 36 ou 23 kilómetros).
O 8 de xuño o percorrido parte de Laza ata Alberguería e Vilar de Barrio, cun percorrido de 20 kilómetros.
O 15 de xuño será o tramo de Vilar de Barrio-Bobadela-Padroso e Xunqueira de Ambía, con 14 kilómetros.
Por último, o 22 de xuño a etapa iniciarase en Xunqueira de Ambía, pasando por A Pousa, Ousende, A Venda do Río, A Castellana, Seixalbo e chegada á Ponte Romana de Ourense. En total, 23 kilómetros desta última etapa.
Ademais do Camiño Mozárabe pola provincia de Ourense, nos domingos de setembro e outubro tamén se retomará a Vía da Prata por etapas dende Ourense a Compostela. Para quen realice as cinco etapas, entregaráselle un documento acreditativo dos 100 kilómetros no itinerario mozárabe na provincia de Ourense.
As inscricións
As inscricións e todos os detalles da iniciativa do Camiño por etapas están dispoñibles na web www.conocegalicia.es e tamén se pode obter máis información a través do teléfono 988 25 33 59. A inscrición completa en tódalas etapas de maio e xuño é de 49 euros, mentres que por etapas soltas o prezo é de 15 euros. Ambas opcións inclúen a guía oficial e o autobús.
Ademais, o autobús con saída de Ourense terá paradas en Xinzo e Verín para facilitar que se inscriban residentes en distintos puntos do territorio, xa que esta iniciativa fai especial fincapé en dar a coñecer a Vía da Prata entre os propios ourensás, ofrecéndolle as facilidades de realizar o Camiño, especialmente, durante as fines de semana.