CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

Retrásase unha semana o inicio de curso na educación Secundaria

Co novo calendario mantense a distribución por cursos no inicio escalonado, segundo informa a Consellería de Educación

 

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, vén de anunciar o adiamento nunha semana do inicio de curso en Secundaria, en concreto aos días 23, 24 e 25 de setembro. A medida vén de facerse pública tras a reunión celebrada esta mañá cos representantes dos centros de Secundaria xunto cos xefes da Inspección educativa nas catro provincias. “A decisión do adiamento foi comunicada tamén aos representantes das familias e dos profesionais dos centros”, segundo informa a Consellería de Educación.

Tal e como explicou o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia, trátase dunha decisión “prudente, que responde a razóns técnicas, que tomamos en base a criterios organizativos e metodolóxico-pedagóxicos, e logo de escoitar a opinión dos representantes dos directores de Secundaria e máis dos xefes de Inspección”. Segundo explicou, outras Comunidades Autónomas están tomando decisións similares.

 

Un dos momentos da reunión entre o conselleiro de Educación con representantes de centros de secundaria galegos e xefes de inspección educativa.

 

Este retraso facilita, segundo a Consellería de Educación, “a adaptación e organización dos centros para reforzar as medidas sanitarias tras os cambios acordado entre as comunidades e o Goberno central o pasado 27 de agosto, unha xuntanza que os Ministerios deberían ter convocado moito tempo antes. Neste sentido cómpre lembrar que as recomendacións acordadas coas Comunidades Autónomas alteraron a planificación inicial ao cambiar a distancia de seguridade entre os alumnos nas aulas a 1,5 metros. Isto cambiou radicalmente as previsións dos centros de Secundaria e está xerando un sobresforzo nos equipos directivos e no profesorado, que a Consellería recoñece e valora, e que convén aliviar para favorecer unha volta segura ás aulas nas mellores condicións blindando a seguridade e a calidade”.

Novo calendario

Co novo calendario mantense a distribución por cursos no inicio escalonado. Así, os alumnos de 1º e 2º da ESO, os de 1º de Bacharelato e os de 1º de FP Medio e Superior, que inicialmente comezarían as clases o vindeiro mércores 16, farano o mércores 23; mentres que os de 3º da ESO, de 2º de Bacharelato e de 2º de FP Medio e Superior, que volvían ás aulas o xoves 17, regresarán finalmente o xoves 24. Os estudantes de 4º da ESO e FP Básica, que comezarían as clases o venres 18, farano o venres 25.

 

Artigos relacionados

Back to top button