OurenseÚltima hora

Reunión das Agrupacións Protección Civil das 4 provincias galegas co director xeral de Emerxencias

 

Neste 25 de xaneiro tiña lugar unha reunión do director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, cos responsables das catro asociacións provinciais de Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC) de Galicia (entre eles o de Ourense, Clemente Pérez) para abordar as actuacións que a Xunta seguirá a levar a cabo este ano para apoiar ao colectivo no seu funcionamento e no reforzo do seu equipamento de emerxencias, así como na formación dos voluntarios a través da Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP).

Santiago Villanueva destacou que as agrupacións de voluntarios de Protección Civil actúan como “un dos piares fundamentais no eido das emerxencias, en tanto que complementan e reforzan aos servizos de emerxencias e contribúen co seu traballo desinteresado e altruísta a ofrecer a mellor resposta posible para garantir a seguridade dos cidadáns”.

A Xunta realizou nos últimos anos un “importante investimento no reforzo do equipamento de emerxencias das AVPC e os Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES) con case 20 millóns de euros en material cedido aos concellos galegos”, segundo o goberno galego. No caso das Agrupacións de Protección Civil supoñen máis de 11 millóns de euros, entre eles 1 millón de euros correspondente á convocatoria de 2021, coa que o Goberno galego equipou ás agrupacións de Protección Civil con todoterreos, pick-ups, remolques e furgóns de emerxencias, embarcacións ou tendas de campaña, así como medios específicos para intervencións en condicións de climatoloxía adversa con nevaradas e xeadas.

A Administración autonómica continuará a reforzar o equipamento das AVPC para que poidan realizar as súas intervencións con garantías e xa está a traballar na orde de equipamento para este exercicio. Por iso, na reunión de hoxe se abordaron as necesidades das agrupacións para telas en conta no deseño da convocatoria.

 

 

Ademais, vense de publicar a orde de axudas para financiar os gastos de funcionamento das Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil dos concellos de menos de 50.000 habitantes, mancomunidades ou agrupacións de municipios, ás que a Xunta destina neste ano un orzamento de 340.000 euros, o que supón máis de 4 millóns euros dende o ano 2009.

A Xunta aposta ademais pola formación no ámbito das emerxencias, que se leva a cabo tanto de forma centralizada nas instalacións da AGASP como descentralizada en todas as provincias co obxectivo de achegar os cursos aos voluntarios e facilitarlles a súa participación. No encontro de hoxe abordouse a planificación formativa para este trimestre.

A Academia organiza e imparte o curso de formación básica obrigatorio para os novos membros das agrupacións de voluntarios de Protección Civil e conta ademais con plans de formación con cursos especializados para que os membros das agrupacións e dos GES poidan actualizar os seu aprendizaxe en materias que teñan aplicación no seu traballo diario. O ano pasado debido á covid reforzouse a formación online e os membros das AVPC da comunidade recibiron un total de 58 cursos con 1.783 prazas para profundar en temáticas como a busca de persoas desaparecidos, a colaboración do voluntariado de protección civil en grandes concentracións ou a organización de eventos multitudinarios, a condución e o rescate en de vehículos todoterreo e 4×4 ou o uso da desfibrilación semiautomática externa (DESA), a prevención e loita contra os incendios forestais ou a vespa velutina, ademais dos primeiros auxilios e as medidas de prevención ante a covid-19 a seguir nas súas intervencións.

Artigos relacionados

Back to top button