En portada

Reunión de consellos reguladores do viño co presidente da Deputación en Valdeorras

A segunda reunión deste tipo terá lugar en decembro na Denominación de Orixe Monterrei
O presidentes dos consellos reguladores do viño na provincia, co presidente da Deputación, na entrada da sede do CRDO Valdeorras./ Foto: Carlos G. Hervella.
O presidentes dos consellos reguladores do viño na provincia, co presidente da Deputación, na entrada da sede do CRDO Valdeorras./ Foto: Carlos G. Hervella.

A Denominación de Orixe Valdeorras convertíase na mañá do 8 de setembro en anfitriona da primeira das xuntanzas que o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, manterá cos responsables dos consellos reguladores do viño da provincia. Esta reunión, que se desenvolvía na sede desta denominación en Vilamartín, dá continuidade a unha xuntanza celebrada o pasado 16 de xullo no Pazo provincial. Nela participaban os presidentes dos consellos reguladores do Ribeiro, Miguel Ángel Viso; de Monterrei, Asunción Rodríguez; da Ribeira Sacra, José Manuel Rodríguez; e de Valdeorras, José Vicente Solarat, ademais do titular do goberno provincial.

“Somos a provincia con máis denominacións de orixe da península, por iso a Deputación comenzou a manter este tipo de encontros”, sinalaba Manuel Baltar na rolda de prensa posterior á xuntanza. De seguido aludía ao papel que pode desempeñar o viño como elemento de unión nesa “visión integral da provincia” pola que pretende apostar.

Un dos momentos da xuntanza./ Foto: Carlos G. Hervella.
Un dos momentos da xuntanza./ Foto: Carlos G. Hervella.

Asemade, Baltar cifraba en tres os asuntos principais abordados. En primeiro lugar referíase á “implicación nos orzamentos da Deputación” con este sector. Neste senso, adiantaba que se destinarán 50.000 euros para cada un dos catro consellos reguladores vitivinícolas da provincia no vindeiro orzamento do 2016, que a Deputación ten previsto aprobar en pleno o 25 de setembro. Iso suporá unha cantidade total de 200.000 euros para este sector. Baltar adiantaba tamén a intención de seguir incluíndo esas mesmas cantidades nos orzamentos dos anos 2017, 2018 e 2019. “En toda a lexislatura a cantidade total será de 800.000 euros”, matizaba o presidente provincial.

En segundo lugar, mencionaba ao proxecto para crear unha especie de sede das catro denominacións de orixe cun claro compoñente comercial e promocional dos viños da provincia. Baltar avanzaba que se situará no casco antigo da cidade de Ourense e que actualmente se está na fase de redacción do anteproxecto. A intención é que estas novas instalacións podan estar listas no ano 2019.

A terceira cuestión analizada na reunión era unha memoria técnica cos pasos a seguir de cara a posta en marcha dun novo organismo no que se pretende integrar aos consellos reguladores do viño ourensáns, pero tamén ao doutros produtos agroalimentarios da provincia. “Non sabemos aínda a denominación que usaremos para este novo ente xestor, que estará liderado polo goberno provincial, coa participación dos consellos, e co que se buscará poñer en valor a marca Ourense. “Isto significará unha innovación mesmo a nivel nacional e no que iremos da mane cunha visión integral de provincia”, resumía Baltar. Ademais anunciábase que a vindeira cita entre os consellos e o presidente da Deputación será na D.O. Monterrei en decembro.

O reunión concluía coa intervención do presidente do Consello Regulador da D.O. Valdeorras, José Vicente Solarat, quen agradecía a presencia dos responsables dos consellos reguladores e tamén o “grao de compromiso” do presidente da Deputación co sector. De seguido, tiña lugar un brinde con mencía valdeorrés.

A reunión concluía cun brinde con mencía valdeorrés./ Foto: Carlos G. Hervella.
A reunión concluía cun brinde con mencía valdeorrés./ Foto: Carlos G. Hervella.

Máis información na edición en papel do Periódico O Sil de outubro.

Artigos relacionados

Back to top button