En portadaÚltima hora

Reunión dos alcaldes dos concellos afectados polo lume en Valdeorras co conselleiro do Medio Rural

Este incendio segue controlado e afecta unhas 10.500 hectáreas, mentres que o de Vilariño de Conso está estabilizado e afecta 6.500 hectáreas, parte delas no Parque Natural do Invernadeiro

Zona do cemiterio de Quereño (Rubiá), tras o incendio desta tarde./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Nesta xornada de xoves o conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado do director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, ten previsto reunirse cos rexedores das zonas afectadas polos lumes dos últimos días en Galicia. Pola mañá viaxaba ao sur de Lugo e pola tarde ten previsto achegarse ata Valdeorras.

Así xa mantivo un encontro con alcaldes dos concellos de Folgoso do Courel, A Pobra do Brollón, Quiroga, Samos e O Incio, para analizar os danos causados polos lumes forestais rexistrados na zona do Courel. Así, adiantoulles que o seu departamento destinará catro millóns de euros en axudas para a reposición de explotacións forestais, agrícolas ou gandeiras que se viran afectadas por estes incendios.

Neste senso, José González lembrou que onte mesmo o Consello da Xunta deu conformidade ao decreto de medidas urxentes de axuda para a reparación de danos causados polos incendios que se produciron en Galicia durante este mes de xullo. Así, serán un total de nove millóns, dos cales catro corresponden á Consellería do Medio Rural.

Durante a xuntanza mantida, o conselleiro trasladoulle aos rexedores que esta convocatoria de axudas tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva e por rateo, cuns límites máximos que estarán fixados na convocatoria segundo o tipo de beneficiario. Estes topes, explicou, oscilarán entre os 3.000 euros e os 50.000 euros.

Así mesmo, José González subliñou que, no caso das subvencións para explotacións forestais, poderán concederse axudas para a reposición das infraestruturas de titularidade privada situadas en terreos forestais e a maquinaria e equipamento forestal danados como consecuencia dos labores de extinción dos incendios. Tamén, para a madeira amoreada queimada e de corta, recollida e esteladura da madeira queimada non comercial ou traballos de sinalamento, cubicación e/ou taxación de madeira comercial en montes sen xestión pública, nas zonas afectadas polos lumes.

No que atinxe ás explotacións agrícolas e gandeiras, o conselleiro indicou que as axudas cubrirán a reposición dos bens, equipamentos, maquinaria, medios de produción, producións e gando ou colmeas danados, así como a subministración de alimentación complementaria de gando ou colmeas nas zonas afectadas polos incendios.

Episodio meteorolóxico

O conselleiro tamén sinalou que, arestora, os lumes rexistrados na zona do Courel están xa controlados. Estes lumes, dos cales tres se iniciaron no Folgoso do Courel e dous no da Pobra do Brollón, chegaron a unirse e afectan unha superficie total estimada de 11.100 hectáreas. Alí, indicou, permanecen os efectivos do Servizo de prevención e extinción da Xunta refrescando as zonas para evitar posibles reproducións.

Sobre isto, o titular de Medio Rural lembrou que na tarde noite do xoves, 14 de xullo, Galicia viviu un episodio denominado sistema convectivo de mesoescala, un fenómeno meteorolóxico propio do Mediterráneo onde se rexistraron máis de 6.000 raios en cuestión de catro horas. Esta situación ocasionou ata medio cento de lumes na comunidade, entre eles os localizados na zona do Courel e de Valdeorras.

O conselleiro lembrou que estes lumes foron provocados por raios, pero incidiu en que estes días estanse rexistrando tamén incendios claramente intencionados, polo que reiterou a chamada á cidadanía para que extreme as precaucións nas actividades no monte e para que denuncie calquera indicio sobre unha posible actividade incendiaria do que teña sospeita ou coñecemento. Algo que, lembrou, pode facerse a través do teléfono anónimo e gratuíto 900 815 085.

Ademais, José González engadiu que a Xunta ten claro que é primordial a posta en valor do territorio para tratar de frear os lumes, devolvendo á produción aqueles terreos en estado de abandono ou infrautilización e que poidan actuar de devasa natural fronte os lumes. Neste senso, José González puxo en valor a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, coa cal se implementaron xa 19 aldeas modelo e se está traballando na posta en marcha de 15 polígonos agroforestais. Unhas figuras, explicou, que ademais de recuperar a terra produtiva permite traballar na prevención de incendios forestais.

Precisamente, engadiu José González, a aldea modelo implantada no Pobra do Brollón, a de Parada dos Montes, dedicada á produción de vaca cachena en ecolóxico, foi unha das zonas que se salvou do lume, grazas a esa aposta pola xestión do territorio en detrimento do abandono.

Así, no primeiro ano de vixencia desta lei, puntualizou o conselleiro, están sendo mobilizadas máis de 5.000 hectáreas de terreo, das cales 4.531 hectáreas corresponden a polígonos agroforestais e 523 ha a aldeas modelo.

Por último, o titular de Medio Rural indicoulle aos rexedores que, desde onte, está desprazado nas zonas afectadas do Courel un equipo do Centro de Investigación Forestal de Lourizán para avaliar a afección no solo e poder tomar as medidas a curto e medio prazo necesarias para recuperar o potencial forestal da contorna.

Valdeorras

Pola tarde, o conselleiro e o director xeral -acompañados polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén- desprazaranse ata O Barco de Valdeorras para manter outra xuntanza cos alcaldes dos concellos afectados polo lume da comarca de Valdeorras, que afectou aos municipios de Carballeda de Valdeorras, O Barco de Valdeorras e Rubiá.

Así, o lume iniciado o xoves 14 de xullo na parroquia de Riodolas (concello de Carballeda de Valdeorras) permanece controlado e afecta unha superficie estimada de 10.500 hectáreas. No municipio de Vilariño de Conso segue estabilizado o incendio que afecta unha parte do parque natural do Invernadeiro e cuxa superficie total afectada se sitúa nunhas 6.500 hectáreas. En ambos casos permanecen traballando os efectivos da Xunta para refrescar ben a zona e evitar reproducións e, nos vindeiros días, tamén se desprazarán os técnicos do CIF de Lourizán para avaliar os danos ambientais.

Artigos relacionados

Back to top button