OurenseÚltima hora

Reunión para coordinar o labor das forzas e corpos de seguridade nos días centrais do Nadal en Galicia

Ao non ser necesarios os controis perimetrais entre o 23 e o 25, reforzase a vixilancia en locais de hostalería, centros comerciais ou rúas

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, xunto co vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, na reunión de coordinación co delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, e con representantes das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, mandos da Policía Local de Galicia e Protección Civil en Santiago de Compostela.

 

Coordinar os esforzos para os días centrais de Nadal, especialmente tendo en conta que se van permitir os desprazamentos na totalidade dos concellos entre o 23 e o 25 de decembro. A Xunta, a Delegación do Goberno de Galicia e a Federación Galega de Municipios de Provincias (Fegamp) participaban hoxe nunha reunión para coordinar o labor dos máis de 11.000 efectivos das distintas forzas e corpos de seguridade nos días centrais do Nadal, durante os que se reforzarán os controis.

A raíz da maior mobilidade deses, prevese que tamén aumente o número de persoas que acoden aos establecementos de hostalería, centros comerciais ou rúas. Por iso, e tendo en conta que non haberá controis dos peches perimetrais, durante estes días reforzaranse nestes lugares os controis de afluencia para evitar aglomeracións.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, presidía esta xuntanza, na que tamén participaron o vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda; o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada; e o presidente da Fegamp, Alberto Varela. Ademais, na reunión tamén estiveron presentes o xefe superior da Policía Nacional en Galicia, o xeneral xefe da Garda Civil, o comisario da Policía Autonómica, os máximos responsables das policías locais das grandes cidades; así como representantes das agrupacións de voluntarios de Protección Civil. Por videoconferencia participaron a maioría dos xefes dos corpos de policías locais de Galicia, así como membros do comité clínico para explicar a situación sanitaria.

 

 

O vicepresidente primeiro da Xunta fixo de novo un chamamento á toda a cidadanía galega, porque unha “maior presenza policial non pode substituír a responsabilidade individual”. Neste sentido, recordou que a inmensa maioría mantén un comportamento responsable, pero lamentou que segue habendo persoas que “coa súa conduta poñen en perigo a saúde dos demais”. Polo tanto, avogou por “evitar esas condutas e, se se producen, denuncialas e por suposto, sancionalas”.

A Fegamp pide unha coordinación das Forzas e Corpos de Seguridade similar ao estado de alarma

A Federación Galega de Municipios e Provincias trasladaba na reunión “o compromiso dos concellos para procurar o desfrute das festas do Nadal coa máxima seguridade”. O presidente da Fegamp, Alberto Varela, solicitaba unha coordinación das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado similar á disposta coa declaración do estado de alarma, para que, do mesmo xeito que as Policías locais serviron de apoio ás outras forzas neses instantes, reciban agora un reforzo máis necesario se cabe xa que “a situación é moito máis complexa” e os recursos humanos da administración local “seguen a ser os mesmos e despois destes meses sufren un considerable desgaste”.

 

 

Na reunión acordouse priorizar e adecuar ás actuacións segundo os diferentes contextos,
horarios e localizacións, se ben o presidente da Fegamp, Alberto Varela sinalou que “a colaboración cidadá será imprescindible e determinante” xa que “o número de persoas a controlar é moito maior que os axentes das Policías Locais” e estes días favorecen un “contacto social” que pode dar “moitas
alas ao coronavirus”.

Artigos relacionados

Back to top button